O Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento de Lugo aproba os orzamentos para 2022 con 5,6 M€

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou no pleno do Consorcio, no que tamén se acordou a ampliación da plantilla nos parques de bombeiros de Chantada, Sarria e Monforte e melloras nas instalacións dos de Monforte e Barreiros

A Xunta achega 2,3M€ ao funcionamento dos seis parques comarcais de bombeiros da provincia que dependen do consorcio

Lugo, 25 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento de Lugo, integrado pola Xunta e a Deputación lucense, aprobou hoxe os orzamentos de 2022, que ascenden a 5,6 millóns de euros, o que supón 130.000 euros máis que o ano pasado. O Goberno galego achegará 2,3 millóns de euros, a mesma cantidade que aportará a Deputación.

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou esta tarde por videoconferencia no Pleno do Consorcio xunto co presidente da Deputación de Lugo, José Tomé.

As contas do próximo ano permitirán, por unha banda, ampliar o persoal dos parques de bombeiros de Chantada, Sarria e Monforte de Lemos, cun novo efectivo en cada un, ata acadar os 20 integrantes no conxunto do Consorcio. Ademais, levaranse a cabo investimentos para mellorar a seguridade dos bombeiros e das instalacións con actuacións como a mellora das cubertas dos parques de Monforte de Lemos e Barreiros.

A Xunta e a Deputación lucense colaboran no funcionamento do seis parques comarcais de bombeiros que dependen do Consorcio: Barreiros, Viveiro, Vilalba, Chantada, Sarria e Monforte de Lemos.

O Goberno galego mantén o seu compromiso na atención ás emerxencias en todo o territorio galego, neste caso para apoiar a actividade dos 25 parques de bombeiros da comunidade, a través dos consorcios. Ademais, a Xunta colabora cos servizos de emerxencias dos concellos tanto no seu funcionamento como na dotación de equipamento.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/11/2021