A Xunta activa o convenio con Farmamundi para dar resposta ao aumento de poboación refuxiada en Uganda e á crise sanitaria en Iemen a causa da covid

Coa activación do convenio perante emerxencias humanitarias espérase beneficiar a preto dun millar de persoas a través do reforzo e aprovisionamento de medicamentos para o tratamento específico da poboación refuxiada en Uganda

En Iemen agárdase chegar a 2.660 persoas, vítimas das situación humanitaria e sanitaria do país polo conflito armado que sofre dende hai sete anos
 

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Relación Exteriores e coa Unión Europea, vén de activar o convenio vixente con Farmamundi para emerxencias sanitarias co obxecto de dar resposta ao incremento de poboación refuxiada en Uganda a á crise sanitaria en Iemen a causa da covid.

Uganda ten unha larga traxectoria como país receptor de poboación refuxiada que o coloca no terceiro posto a nivel mundial, pero nunca antes tiña acollido a tantas persoas como na actualidade, cun total de 1.524.352 refuxiados segundo datos actualizados a novembro de 2021 por ACNUR. Esta poboación procede maioritariamente da República Democrática do Congo e de Somalia, aínda que tamén de Burundi, Ruanda, Sudán do Sur, Eritrea e Etiopía.

O país ven recibindo unha media de 2.000 persoas refuxiadas ao día dende xullo de 2016, tendencia que se ten incrementado na actualidade; así, o pasado 7 de novembro foron contabilizadas nun so día 11.000 persoas que fuxían dos combates entre milicias e forzas armadas congolesas.

Neste contexto, agravado pola incidencia da pandemia mundial pola covid-19, Uganda está afrontando numerosos desafíos humanitarios, económicos, políticos e socioculturais estruturais, que contribúen a perpetuar altos niveis de pobreza e desigualdade.

A vulnerabilidade é maior nos asentamentos informais de poboación refuxiada urbana en Kampala, que acollen actualmente a 95.371 persoas refuxiadas, que conducen á cidade a una situación complexa de moita precariedade e colapso dos servizos esenciais. O informe de situación da Oficina das Nacións Unidas para a Coordinación de Asuntos Humanitarios (OCHA) alerta dun deterioro importante no consumo de alimentos e medicamentos nesta poboación, cun 48% dos fogares en risco, mais do 33% que se deu en 2020.

Intervención sociosanitaria

A presente resposta de emerxencia executarase nos próximos 3 meses, nos asentamento urbanos de poboación refuxiada en Kampala, coa colaboración da ONG Africa Humanitarian Action (AHA), socia local de Farmamundi na zona, e en sintonía coas directrices estratéxicas marcadas polos organismos internacionais e das autoridades da zona.

Coa intervención espérase beneficiar a un total de 945 persoas (567 mulleres e 378 homes) a través do reforzo e aprovisionamento de medicamentos para o tratamento específico da poboación refuxiada, no marco do Programa de Saúde urbano de Kampala. Ademais, articularase unha campaña de Información, Educación e Comunicación (IEC) para promocionar e facilitar o acceso á saúde.

A intervención terá un custo de 10.000,00 €.

Conflito armado en Iemen

Por outra banda, a Xunta de Galicia activou tamén o convenio con Farmamundi para poñer en marcha unha intervención en Iemen que garanta o exercicio do dereito á saúde e o fornecemento do sistema sanitario da Gobernación de Taiz.

A crise humanitaria en Iemen segue sendo unha das máis desafiantes na actualidade, segundo organismos internacionais que chaman a atención sobre a inestabilidade na rexión de Oriente Medio e sobre o declive económico, a inseguridade alimentaria e o colapso dos servizos esenciais logo de sete anos de conflito armado.

Segundo datos da OCHA, dous terzos da poboación están en grave crise de inseguridade alimentaria, e un terzo se enfronta a problemas múltiples de vulnerabilidade. Pola súa banda, Unicef informou de que 10.000 nenos morreron en Iemen desde o ano 2015.

A guerra arraxou o sistema sanitario e moitos profesionais da saúde abandonaron o país. As deficiencias na atención sanitaria incrementáronse coa chegada da covid, ata o punto de que as organizacións que traballan sobre o terreo cualificaron a situación como un “golpe devastador” dadas as condicións que atravesa o país.

A intervención resultante da activación do convenio da Xunta con Farmamundi vaise desenvolver nos vindeiros catro meses nos distritos de Salah, Almodafar e Alkahera, na Gobernación de Taiz. Con esta actuación agárdase beneficiar a un total de 2.660 persoas coa achega de medicamentos, así como incrementar a cobertura sanitaria básica da poboación. Tamén se dotará de formación sobre xestión de riscos sanitarios e emerxencias ao persoal das unidades de saúde da Gobernación.

A intervención terá un custo de 9.931 €.


Antecedentes do convenio

Dende o ano 2009 ata agora asináronse doce convenios anuais de resposta ante emerxencias coa organización Farmamundi, primeiro a través da Fundación Axencia Humanitaria de Galicia (FAHG) e, dende a súa extinción, a través da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, por un monto de 789.044,44 €, incluíndo o convenio e addenda asinado neste 2021.

O obxecto destes convenios é o de realizar as actuacións que ambas partes acorden, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).
 

Data de actualización: 27/11/2021