A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural participou na xornada “O medio rural: unha alternativa con futuro”, organizada polo Consello Económico e Social

A Xunta destaca que a aplicación da Lei de recuperación da terra agraria é unha oportunidade para crear emprego e riqueza en Galicia

Inés Santé debullou os principais retos e oportunidades que se presentan para o agro na actualidade e explicou polo miúdo o contido e alcance desta norma, como panca de desenvolvemento do rural galego

Neste foro tamén participou o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Ignacio Lema, quen remarcou o peso da cadea forestal-madeira na economía galega

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A aplicación da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia representa unha clara oportunidade para fomentar a creación de riqueza e emprego na nosa comunidade autónoma. Así o destacou esta mañá a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, durante a súa intervención na xornada “O medio rural: unha alternativa con futuro”, organizada polo Consello Económico e Social (CES) de Galicia. Santé debullou os principais retos e oportunidades que se presentan para o agro na actualidade e explicou polo miúdo o contido e alcance da Lei de recuperación, como panca de desenvolvemento do rural galego.

Sobre o impacto que a lei pode ter na creación de postos de traballo e na xeración de riqueza, a directora xeral lembrou os datos dun informe elaborado pola Universidade de Vigo arredor da estimación que tería a posta en valor de terras abandonadas aptas para cultivos e prados. Neste sentido, salientou que, de acordo con este estudo, a mobilización de algo máis de medio millón de hectáreas de terreo en desuso podería supoñer a creación de máis de 15.000 empregos (directos e inducidos) e tería un impacto –directo e indirecto– sobre a economía galega que se estima por riba dos 1.000 millóns de euros.

Retos e oportunidades para o rural

De cara ao futuro do rural, Inés Santé fixou como retos –ademais da xestión da pandemia– a transición ecolóxica, enerxética e a dixitalización, así como o Pacto Verde europeo, as estratexias “da Granxa á Mesa”, sobre Biodiversidade 2030 e forestal e situou como oportunidades a propia norma de recuperación da terra, a innovación e a tecnoloxía e a nova PAC como fórmula para avanzar en novas estratexias de desenvolvemento local.

En relación coa Lei de recuperación, Santé sinalou que esta norma propón, entre outras medidas, a ordenación e planificación do territorio rural, a través da investigación da titularidade das terras e a posta en marcha dun catálogo de solos agropecuarios e forestais e dun mapa dos seus usos. Así mesmo, establece procedementos para mobilizar a terra, ferramentas de intermediación para recuperar predios abandonados e previr ese desuso (mediante o impulso ao Banco de terras e a creación do de explotacións) e novos instrumentos para recuperar terra, como son as aldeas modelo, os polígonos agroforestais e as agrupacións de xestión conxunta.

Aldeas intelixentes

A continuación, a directora xeral matizou cada un destes aspectos, con especial atención ás novas ferramentas creadas pola lei. Neste sentido, sinalou por exemplo que as aldeas modelo encaixan no concepto europeo de “Smart Villages”, xa que ambos instrumentos buscan acadar un territorio rural intelixente a través da creación dunha rede de núcleos que potencien os grandes valores destas áreas e proporcionen aos actores locais as utilidades para aproveitar ese potencial.

Nesta mesma liña, Inés Santé centrouse en retos como o da dixitalización, as solucións tecnolóxicas para a bioeconomía en aldeas, a sustentabilidade e a economía circular da produción agraria en aldeas modelo e a construción e urbanización sostible nestes núcleos rurais. Por último, a directora xeral incidiu na oportunidade que ofrece a nova Política Agrícola Común da UE para impulsar novas estratexias de desenvolvemento local dos grupos de desenvolvemento rural (GDRs).

Cadea forestal-madeira

No encontro tamén participou o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Ignacio Lema, quen remarcou o peso da cadea forestal-madeira na economía galega, cun peso do 1,8% do produto interior bruto (PIB) e cunha importante implantación da industria forestal na maior parte do territorio.

Neste contexto, presentou aos participantes as diferentes actuacións para impulsar esta industria activadas pola Xunta en ámbitos como a formación, a innovación e a competitividade ou o fomento da utilización da madeira en eidos como a construción.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 26/11/2021