A Xunta organiza o seminario “Smart cities e tecnoloxías de cambio para a administración local” no marco do proxecto Novatfe

A Dirección Xeral de Administración Local é unha das entidades incluídas no proxecto Novatfe que acolle estas actividades e que foi beneficiario na segunda convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal (POCTEP)

Ao longo das próximas dúas semanas seguirán impartíndose xornadas e talleres formativos en áreas de actuación do proxecto, como a Mancomunidade de O Salnés, os concellos das provincias de Ourense e Pontevedra e o municipio portugués de Valença de Minho
 

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

– A Xunta, a través da Dirección Xeral de Administración Local, celebrará o vindeiro martes un seminario sobre as vantaxes das novas tecnoloxías das smart cities para levar a cabo transformacións no eido local, unha iniciativa de interese para as Administracións locais no contexto dos fondos Next Generation.


O seminario, que se celebrará na sede da Escola Galega da Administración Pública (EGAP) ás 11.00 horas, forma parte do proxecto 0636_Novatfe_1_E financiado con fondos europeos no marco da segunda convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal (POCTEP).


A Dirección Xeral de Administración Local é unha das entidades beneficiarias do programa que achegará aos concellos e Administracións locais a formación necesaria para a posta en marcha de novos proxectos emprendedores e a implantacións das tecnoloxías facilitadoras nas pequenas e medianas empresas, así como boas prácticas para as entidades locais en todo o relativo ás smart cities e a administración electrónica.
No encontro participará Fernando Suárez Lorenzo, director de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense e presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, cunha conferencia sobre a informática ao servizo dos destinos turísticos intelixentes, debullando as distintas iniciativas tecnolóxicas que se van a por en marcha no ámbito da provincia de Ourense.


Pola súa banda, Antonio Rodríguez del Corral, CEO da empresa tecnolóxica Cinfo e presidente do Cluster Tic de Galicia, porá en valor a aplicación da intelixencia artificial e de procesado de vídeo en directo, con exemplos de primeira man sobre as vantaxes das aplicacións para os cidadáns.


Por parte da consultora SILO, especializada en innovación, intervirán Katia Pérez López e Antonio Guimarey para explicar aos asistentes como se crean e se manteñen ecosistemas de innovación no eido das smart cities e como o novo instrumento de financiación de Compra Pública Innovadora permite a creación e execución de proxectos de alto impacto para o sector público.


A asistencia está permitida para un número reducido de persoas e tamén se retransmitirá por streaming dende a web do proxecto NOVATFE. Para ambas modalidades precísase inscrición previa.


Os interesados en participar poden apuntarse neste seminario e consultar tódalas actividades e seminarios na web do proxecto https://novatfe.com e no portal de Eido Local (www.eidolocal.gal).


Ao longo das próximas dúas semanas seguirán impartíndose xornadas e talleres formativos en áreas de actuación do proxecto, como a Mancomunidade de O Salnés, os concellos das provincias de Ourense e Pontevedra e o municipio portugués de Valença de Minho.