A Xunta licita por 544.000€ as obras para minimizar os riscos de asolagamento na contorna de Sabarís, no concello de Baiona

O obxectivo é acometer as actuacións necesarias para a mellora da drenaxe no camiño das Monxas e no camiño Pouquena, situados nas proximidades da desembocadura do río Groba e identificados como de risco potencial significativo de inundación

As obras enmárcanse no convenio de colaboración asinado co Concello o pasado mes de maio, polo que a Xunta asume o financiamento, a contratación e a execución das obras

Os traballos, cun prazo de execución de 5 meses, consistirán na reforma da rede de pluviais, coa execución de 4 colectores, mellorando a súa capacidade de desaugue

As empresas interesadas en executar este proxecto poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 10 de xaneiro

O departamento que preside Ethel Vázquez segue apostando pola colaboración entre as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ao risco de inundacións e acadar unha máis rápida recuperación fronte ás súas consecuencias
 

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, licita hoxe por 543.886,99 euros as obras para minimizar os riscos de inundacións no camiño das Monxas e no camiño Pouquena, no lugar de Sabarís, no concello de Baiona.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación destas obras. As empresas interesadas neste contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 10 de xaneiro de 2022.

Esta intervención enmárcase no convenio de colaboración asinado en maio entre a Consellería de infraestruturas e Mobilidade e o Concello, no que se recolleron as actuacións necesarias para impulsar as obras de mellora da drenaxe nestes dous viarios situados nas proximidades da desembocadura do río Groba e identificados como de risco potencial significativo de inundación.

Segundo o citado convenio, a Xunta, a través de Augas de Galicia, asume a financiación das actuacións, e levará a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras.

Pola súa banda, o Concello de Baiona comprométese á posta a disposición dos terreos necesarios para o inicio dos traballos e á realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución. Tamén asume a obriga de recibir as obras que pola súa natureza sexan susceptibles de tal recepción e a asumir o seu mantemento e conservación, coa utilización das instalacións executadas de acordo coa finalidade prevista.

As obras estarán cofinanciadas con fondos europeos FEDER 2014/2020.

Antecedentes e as actuacións


Os camiños das Monxas e Pouquena son dous viarios situados nas proximidades da desembocadura do río Groba que presentan un historial de frecuentes inundacións. A deficiente rede de drenaxe de pluviais existente na zona, que desemboca na Foz de Miñor, vese habitualmente superada durante os episodios de choivas, anegándose os viarios e as construcións lindeiras, véndose este feito agravado cando as precipitacións abundantes coinciden, ademais, coa preamar.

As intervencións proxectadas pola entidade hidráulica da Xunta, que buscan minimizar os asolagamentos nesta contorna, están recollidas no Plan de xestión específico realizado na área de risco potencial significativo de inundacións do río Groba, no que Augas de Galicia contemplou as distintas opcións para o desenvolvemento de intervencións que contribúan a minimizar o risco de inundación.

Os traballos obxecto do contrato licitado hoxe consisten na reforma da rede de pluviais existente a través da execución de 4 colectores, o que permitirá mellorar a súa capacidade de desaugue nas condicións máis desfavorables, coa coincidencia da preamar con fortes precipitacións.

Plan de xestión específico da área de risco potencial significativo de inundación


Augas de Galicia redacta e revisa cada seis anos a avaliación preliminar do risco de inundacións da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, e segue a avanzar no traballo para ultimar este ano o novo Plan de xestión de risco de inundacións 2021-2027.

En paralelo, Augas de Galicia está a desenvolver os plans específicos de xestión en 9 zonas fluviais con maior risco de inundacións. Trátase das contornas do río Umia, en Caldas de Reis e Portas; Ulla-Sar, en Padrón, Dodro, Rianxo, Rois, Catoira, Pontecesures e Valga; o Anllóns, en Carballo; Campeda, en Vimianzo; Fontecova e Trasposta, en Viveiro; Bahíña e o propio Groba, en Baiona; así como no Lagares, en Vigo.

Estes plans recollen medidas e actuacións paliativas e preventivas de aplicación polas distintas administracións, Xunta e Concellos, para minimizar o risco de enchentes.

O departamento que preside Ethel Vázquez segue apostando pola colaboración entre as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ao risco de inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias.
 

Data de actualización: 26/11/2021