A Xunta adxudica por máis de 48.000 euros as obras de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade na estrada OU-636 en Larouco

A intervención comezará a principios do vindeiro ano e terá un prazo de 4 meses

As obras desenvolveranse nos núcleos de Larouco e da Caseta, executando cunetas transitables e reforzando a seguridade nos pasos de peóns

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica para proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas, seguras e eficientes
 

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta adxudicou por máis de 48.000 euros as obras de mellora da seguridade e da accesibilidade da estrada OU-636 en Larouco.

A intervención, adxudicada á empresa Aglomerados Valdeorras S.A, comezará a principios do vindeiro ano e terá un prazo de execución de 4 meses.

As obras desenvolveranse na estrada OU-636 ao seu paso polos núcleos de Larouco e da Caseta. Executaranse cunetas transitables que conecten coas beirarrúas existentes e adecuaranse aos requisitos de accesibilidade os pasos peonís actuais.

No núcleo de Larouco proxéctanse tres tramos de cuneta transitable de formigón armado que suman unha lonxitude de 190 metros e conectarán coas beirarrúas actuais.

Tamén se reforzará a accesibilidade nos pasos de peóns, dotando as beirarrúas de tramos en rampla e baldosas podotáctiles, ampliando a súa anchura nestes puntos para evitar o aparcamento na aproximación ao paso e mellorar a visibilidade.

No núcleo da Caseta executaranse dous tramos de senda-cuneta entre os puntos quilométricos 19+850 e 19+910.

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica para proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas, seguras e eficientes.
 

Data de actualización: 27/11/2021