A Xunta convoca por 1 M€ as axudas á rehabilitación e mellora de vivendas de promoción pública

A resolución coas bases reguladoras deste programa, cuxo prazo de solicitudes se abrirá o 3 de xaneiro de 2022, acaba de ser publicada no Diario Oficial de Galicia

Os beneficiarios desta liña son as comunidades de propietarios de inmobles promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, que poderán acceder ao 60% do custo da actuación, cun máximo de 6.000 € por vivenda

Esta convocatoria dará continuidade ás realizadas desde 2016, seis anualidades que permitiron intervir en preto de 3.500 VPP
 

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia destinará un orzamento de 1 millón de euros para sufragar actuacións de rehabilitación e mellora de vivendas de promoción pública (VPP).

Así se recolle na resolución da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, publicada onte no Diario Oficial de Galicia, pola que se establecen as bases reguladoras desta liña de axudas dirixida ás comunidades de propietarios de vivendas protexidas promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, onde se indica que o prazo para a presentación de solicitudes será do 3 de xaneiro ata o 4 de abril de 2022.

As VPP que poderán acollerse a estes incentivos son aquelas sometidas a réxime de protección con mais de dez anos de antigüidade e aquelas nas que o devandito réxime se extinguira nos tres anos anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes desta convocatoria.

Así, as comunidades de veciños poderán solicitar axudas para actuacións que deberán axustarse á normativa técnica aplicable vixente no momento da súa execución, polas que recibirán unha subvención do 60% do custo, cun máximo de 6.000 euros por vivenda, un 20% máis respecto da convocatoria de 2021 —o importe máximo era de 5.000 euros—.

Actuacións subvencionables

Serán consideradas actuacións subvencionables todas aquelas obras destinadas á reparación, rehabilitación e/ou adaptación dos edificios que comprendan todos ou algúns dos seguintes traballos:

a) Adecuación das condicións de seguridade: obras que proporcionen ao edificio condicións de seguridade estrutural ou construtiva, de xeito que garantan a súa estabilidade, resistencia e solidez, seguridade contra incendios, así como obras de seguridade fronte a accidentes ou sinistros.

b) Adecuación das condicións de habitabilidade: obras que proporcionen ao edificio estanquidade fronte á choiva e á humidade, illamento térmico e acústico, ou mellora das instalacións de calefacción.

c) Adecuación funcional: obras que proporcionen ao edificio mellora dos accesos aos servizos xerais de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, etc., así como a adecuación destas obras á correspondente normativa.

d) Adecuación das condicións de accesibilidade: obras de supresión de barreiras arquitectónicas, tales como instalación de ascensores, ramplas, ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial.

Cómpre lembrar que a liña de axudas de 2022 dá continuidade ás seis convocadas desde o ano 2016, que facilitaron a concesión de subvencións para intervir en preto de 3.500 VPP de titularidade privada.

Por último, no caso das VPP nas que o Instituto Galego da Vivenda e Solo ostenta a titularidade, ao redor de 3.700 en toda Galicia, a Xunta destinará máis de 2 millóns de euros á súa mellora e rehabilitación no ano 2022.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/11/2021