A aceleradora de proxectos turísticos da Xunta avalía aos 10 finalistas no “Investors Day”

A directora da Axencia Turismo de Galicia participou na xornada na que o grupo de investidores e empresas tractoras da iniciativa do Goberno galego avalían as potencialidades dos proxectos innovadores finalistas, xa acelerados

As startups que completaron o programa de formación e mentorización afrontan este acto, e o DemoDay de mañá, como etapa final antes de saír aos mercados

Santiago de Compostela, 26 novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A primeira aceleradora de proxectos turísticos da Xunta de Galicia, Turislab, celebrou hoxe o decisivo Investors Day, no que os grupos investidores e as empresas tractoras desta iniciativa estratéxica do Goberno galego avalían as potencialidades das 10 startups finalistas de cara á súa inminente saída aos mercados. Trátase dunha xornada marcada como clave no programa de formación e mentorización dos 10 proxectos innovadores.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañou a inversores e startups finalistas nesta xornada decisiva para o futuro destes proxectos do que, asegurou “son froito do talento, dun talento que desde o Goberno galego queremos captar e reter para seguir facendo o noso sector turístico máis competitivo, máis rendible e mellor adaptado ás novas circunstancias propiciadas por unha realidade dun mercado turístico globalizado e competitivo.

Ás portas da conclusión desta primeira edición da aceleradora Turislab, a primeira de Galicia especializada en solucións para o sector turístico, os emprendedores e emprendedoras afrontaron esta importante proba ante firmas e investidores privados que poden estar interesados en financialas para potenciar a súa competitividade.

Contacto directo cos inversores

Precisamente co obxectivo de achegar máis estes proxectos á realidade do mercado, o Investors Day celebrado hoxe serviu para que os investidores presentes puideran interpelar directamente aos promotores das startups para coñecer as súas previsións de comercialización, expansión e escalabilidade nacional e internacional nos mercados. A inmediata eclosión destes proxectos, que veñen de ser titorizados polo equipo de mentores e profesores da academia da aceleradora, coincide co ecuador do período extraordinario do Xacobeo 21-22, o que permitirá que os proxectos sexan unha realidade tanxible que permita reforzar o ecosistema do sector en pleno 2022.

Mañá, na sede da aceleradora, desenvolverase a outra cita clave desta recta final do programa formativo. O DemoDay levará ás startups a volver a presentar os seus proxectos, xa madurados, ante o xurado do equipo de selección, que xa os avaliou na proba clasificatoria descartando a 5 deles para deixar unha decena de solucións no núcleo central da aceleradora.

As startups aceleradas

Das 83 solicitudes que se inscribiron formalmente na aceleradora da Xunta de Galicia, 10 superaron todos os cortes e roldas eliminatorias. Todas elas adaptáronse ás categorías establecidas pola organización e cumpren coa máxima de aportar valor diferencial ao sector turístico galego mediante a aplicación de solucións innovadoras. Estas son as 10 propostas:

- 43º 8´ Creative Algorithm: Algoritmo para analizar e predicir en base a determinados datos o comportamiento turístico dos viaxeiros de cara ao futuro.

- Ruta N-VI: Inspirada na Ruta 66, é una experiencia a través da Nacional VI en España.

- Capptus: É unha aplicación para os guías turísticos que lles permite xeolocalizar aos seus grupos e comunicarse internamente.

- Ruteart: Ofrecen viaxes en grupos sostibles con roteiros inusuais. Os medios interesáronse por esta iniciativa, que xa realizou diferentes experiencias.

- Suites Nature: Cabanas sostibles conectadas. A empresa defende un modelo de negocio con base na explotación e no franquiciado. As primeiras estarán ubicadas na provincia de Pontevedra, pero xa teñen plans de internacionalización.

- LuXperiencie: Experiencia a partir dun prototipo para crear una realidade mixta coa finalidade de reforzar o valor do patrimonio cultural.

- Nomada: App que permite xestionar todas as fases dunha viaxe: a preparación, o transcurso e tamén os momentos posteriores.

- RoomDoo: Software de xestión para hoteis orientado a aumentar as reservas e automatizar a xestión cunha solución innovadora sinxela e flexible.

- Campus Spain: Empresa que busca captar usuarios apostando polo Turismo académico en Galicia.

- SH360º: Servizo de xestión hoteleira encamiñada a modernizar e optimizar o seu modelo para obter maior competitividade á través da transformación dixital.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 26/11/2021