O titular do Goberno galego asistiu ao acto de clausura das XXV Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro de Celeiro

Feijóo destaca o compromiso da Xunta coa Mariña lucense cun investimento de máis de 80 M€ no sector marítimo-pesqueiro nos últimos anos

Insiste na necesidade de levar a cabo unha transición enerxética xusta tanto no mar como en terra e respectuosa co medio e non unha ruptura que poña en risco miles de empregos

Salienta que a pesca do mañá debe unir e manter o equilibrio en tres dimensións: ambiental, social e económica

Agradece o labor dos profesionais do Servizo de Gardacostas de Galicia, que salvou arredor de 1.800 persoas nos seus máis de 30 anos de vida e que celebra a súa traxectoria coa exposición 30+1 anos gardando as nosas costas

Viveiro (Lugo), 27 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o compromiso da Xunta coa Mariña lucense cun investimento de máis de 80 millóns de euros no sector marítimo-pesqueiro nos últimos anos. “E imos seguir traballando e priorizando eses investimentos”, avanzou.

Durante a clausura das XXV Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro de Celeiro, Feijóo lembrou que tanto a localidade como toda a comarca son “pioneiros na pesca sostible, na continua formación continua porque a clave é o relevo xeracional e tedes unha lonxa que é un modelo de produción e comercialización de produtos do mar”.

O presidente da Xunta fixo tamén unha aposta polo futuro e salientou que a pesca do mañá debe unir e manter o equilibrio en tres dimensións: ambiental, social e económica. “A pesca ten que ser sustento ambiental xa que o medio mariño é o sustento da nosa actividade; ten que ter sustento social porque sen mariñeiros non hai actividade; e ten que ser sustento económico porque sen rendibilidade esta actividade non podería perdurar no tempo”, engadiu.

Logo de valorar a importancia de “avanzar sen rachar co pasado”, o titular do Goberno galego insistiu na necesidade de levar a cabo unha transición enerxética xusta tanto no mar como en terra e respectuosa co medio e non unha ruptura que poña en risco miles de empregos. “Esta comarca e esta provincia coñecen ben o risco que estamos a vivir como consecuencia dunha transición enerxética improvisada, abrupta e non planificada”, abundou, en relación á situación que atravesan Alcoa e Vestas. E engadiu que “seguiremos petando nas portas todo o que sexa necesario e todas as veces que sexan necesarias” para evitar o seu peche.

“Non podemos resignarnos e non podemos aceptar o peche de Alcoa nin ningunha decisión en relación a Vestas que sexa unha deslocalización por falta de interese para que esta compañía permaneza en España”

Deste xeito, a Xunta seguirá traballando para evitar o drama humano e económico que pode supoñer o desmantelamento de fábricas como Alcoa e Vestas e que as revisións das bonificacións ao combustible -que propoñen tanto a Unión Europea como a Organización Mundial do Comercio- non leven por diante ao sector pesqueiro galego.

Exposición 30+1 de Gardacostas

O presidente da Xunta tamén quixo agradecer o labor que realizan a diario os profesionais do Servizo de Gardacostas de Galicia, que celebra os seus máis de 30 anos de actividade coa inauguración da exposición 30+1 anos gardando as nosas costas. O titular da Xunta salientou que os gardacostas realizan un traballo esencial para garantir a seguridade no mar e loitar contra a contaminación mariña e o furtivismo, un esforzo que conta co recoñecemento de toda a cidadanía galega que levou a que os traballadores do servizo sexan coñecidos por moitos mariñeiros como “os nosos”.

Feijóo lembrou que este organismo dependente da Consellería do Mar está operativo as 24 horas e os 365 días do ano e que, en moitas ocasións, arriscan as súas vidas para salvar a doutros nun medio hostil como é o mar. De feito, desde a súa creación en 1990 o Servizo de Gardacostas de Galicia salvou arredor de 1.800 persoas tanto no mar como en terra, en lugares de difícil acceso.

A exposición 30+1 anos gardando as nosas costas -que estaba previsto celebrar o ano pasado coincidindo co 30 aniversario do servizo pero que tivo que aprazarse pola pandemia- fai unha homenaxe aos profesionais de Gardacostas mediante unha escolma fotográfica e unha peza audiovisual cos principais fitos do organismo. Esta mostra poderá visitarse de xeito gratuíto de luns a domingo no local social da confraría de pescadores de Celeiro ata o próximo 12 de febreiro, momento no que se trasladará a Vigo.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/11/2021