A Xunta colabora co Centro Nacional de Hidróxeno para elaborar o mapa desta enerxía en Galicia

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, reuniuse esta mañá con representantes do organismo para avanzar na constitución desta ferramenta que axudará a consolidar á Comunidade como polo enerxético innovador

O Goberno galego recibiu este ano 54 propostas na manifestación de interese que dirixiu a iniciativas asociadas á cadea de valor industrial do hidróxeno renovable para identificar os seus potenciais usos

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Instituto Enerxético de Galicia, convocará o vindeiro ano unha nova liña de axudas para colaborar en proxectos con aplicacións industriais que favorezan o uso desta tecnoloxía

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, mantivo esta mañá en Santiago unha reunión con representantes do Centro Nacional de Hidróxeno, co ánimo de avanzar no deseño conxunto entre a Xunta e o organismo do Mapa de Hidróxeno Verde de Galicia.

Neste sentido, Uría destacou a gran oportunidade que ten por diante a Comunidade para consolidarse como un polo enerxético innovador, no cal o vector hidróxeno vai ser fundamental e unha das pezas clave para o desenvolvemento da transformación dixital e ecolóxica.

Precisamente, para avanzar na economía verde e no compromiso de traballar desde a colaboración público-privada, o Goberno galego convocou este mesmo ano unha manifestación de interese sobre hidróxeno verde, o que supuxo unha oportunidade para identificar potenciais usos desta tecnoloxía en Galicia e liderar así o seu despegue en España.

A convocatoria –dirixida tanto a pemes como a grandes empresas– recibiu 54 propostas, repartidas entre 44 promotores diferentes e entre elas destacan as vencelladas coa adaptación de procesos, os proxectos piloto ou de carácter demostrativo ou as iniciativas sobre hidróxeno que se centran no desenvolvemento de I+D+i.

Axudas 2022

A avaliación dos resultados desta manifestación de interese serviu tamén como punto de partida para a definición da nova orde de axudas que o Goberno galego convocará o próximo ano e que suma 10 millóns de euros, co ánimo de colaborar en proxectos con aplicacións industriais que favorezan o uso do hidróxeno.

En concreto, os orzamentos da Vicepresidencia económica para 2022, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) –organismo que tamén dirixe Uría–, recolle unha partida inicial de 2 millóns de euros que se completarán en 2023 con 8M€ máis para o desembolso das axudas concedidas unha vez se empecen a certificar os proxectos.

Paula Uría lembrou que a candidatura que presenta o Goberno galego para optar aos fondos Next Generation centra un dos seus obxectivos na produción de hidróxeno renovable, tendo en conta que un 40% dos 70.000M€ previstos no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno dedicarase á sustentabilidade climática e á transición cara un modelo enerxético renovable.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/11/2021