A Xunta e o concello de Sober inician unha nova campaña arqueolóxica no ‘hórreum’ romano do xacemento de Proendos

Os últimos traballos feitos polo Goberno galego neste espazo sacaron á luz esta estrutura única na Comunidade Autónoma

A intervención dá continuidade ás actuacións impulsadas nos últimos anos e que e nos que xa se descubriron numerosos restos romanos do século I ao V

Sober (Lugo), 29 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia e o Concello de Sober inician hoxe unha nova fase de escavación no xacemento arqueolóxico de Proendos, en Sober, co obxectivo de consolidar o hórreum romano saído á luz nos últimos traballos feitos polo Goberno galego neste espazo e que supón unha estrutura única na Comunidade Autónoma. Trátase dunha intervención que dá continuidade ás actuacións impulsadas nos últimos anos e nos que xa se descubriron numerosos materiais de ampla cronoloxía que van desde o século I ata o século V.

Nesta ocasión, a través dun convenio de colaboración asinado co Concello de Sober, os profesionais da empresa Tempos Arqueólogos traballarán na zona do hórreum para consolidar a súa estrutura e rematar a escavación ata o límite da parcela dispoñible. Así mesmo, tamén se acondicionará a zona arqueolóxica para que poida ser visitada polo conxunto da cidadanía.

En concreto, os traballos arqueolóxicos que se poñen hoxe en marcha consistirán nunha escavación arqueolóxica nunha superficie de 35 metros cadrados co fin de definir espacialmente o hórreum para, posteriormente, recoller mostras e tomar imaxes topográficas e en 3D. A continuación, farase unha diagnose do estado de conservación e dos procesos de alteración das estruturas exhumadas.

Os traballos complétanse coa instalación de postes delimitadores, a colocación dunha mesa interpretativa e a posta en marcha de accións de divulgación para dar a coñecer os traballos realizados e o valor deste xacemento entre a cidadanía.

Cómpre lembrar que neste lugar tense constatado desde antigo, a través de achados casuais e intervencións non sistemáticas, a aparición de significativas evidencias materiais de adscrición romana que van desde un gran número de fragmentos de tégula, ladrillos e cerámica, ata varios fragmentos de columnas, capiteis, basas, epígrafes e restos de canalizacións de granito, moitos dos cales aínda se conservan nos muros de peche e no interior das casas do actual pobo de Proendos.

Desde o ano 2019

Os últimos traballos impulsados neste xacemento remataron hai só uns meses con dúas sondaxes manuais centradas na zona onde se atopa a estrutura tipo hórreo e nas proximidades da igrexa de Santa María de Proendos para comprobar a posible existencia dunhas estruturas circulares.

En conxunto, as intervencións feitas permitiron constatar a existencia dun hipocausto, unha estancia oca que os romanos adoitaban construír debaixo do chan nos cuartos das vivendas e nos baños para que circulara o aire quente. Tamén se localizou unha ábsida circular, un elemento arquitectónico de orixe romano presente tanto en edificios relixiosos como seculares, e unha hipotética horrea romana. A estas achegas súmanse os numerosos materiais ou os restos das estruturas das edificacións ou a aparición dun mosaico romano que non se conserva íntegro, pero do que si apareceron varios fragmentos reducidos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/11/2021