O titular do Goberno galego visitou hoxe, na Veiga, o tráiler Camiño da Innovación e as novas instalacións do observatorio Centro Astronómico Trevinca

Feijóo destaca que o Observatorio Astronómico Trevinca será un revulsivo para a comarca fomentando o turismo e a promoción dos recursos naturais e científicos

Afirma que a apertura destas instalacións dá un pulo á distinción outorgada ao municipio en 2015, designado o primeiro Destino Turístico Starlight de Galicia

Sobre o tráiler Camiño da Innovación subliña que os emprendedores poden recibir asesoramento personalizado; analizar as oportunidades de negocio e participar en encontros con outras iniciativas empresariais de éxito
 

A Veiga (Ourense), 29 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que as novas instalacións do Observatorio Astronómico Trevinca, froito da colaboración entre a Xunta, a Deputación de Ourense e o Concello, serán un revulsivo para a comarca fomentando o turismo e a promoción dos recursos naturais e científicos.

Durante a súa vista a este centro, Feijóo subliñou que esta apertura dá un pulo á distinción outorgada ao municipio, que, en 2015, foi designado o primeiro Destino Turístico Starlight de Galicia, tras acreditar tanto a calidade dos seus ceos, como a existencia de equipamentos turísticos e medios para divulgar a astronomía. A este respecto, precisou que este observatorio conta con dúas cúpulas, telescopio solar e simulador de voo; cun planetario e cunha zona de exposición.

Camiño á Innovación

Ademais, o presidente da Xunta tamén visitou esta mañá neste municipio o tráiler Camiño da Innovación, onde salientou a innovación como piar clave para a transformación da economía, gañar en competitividade e sumar valor engadido. “Estamos a falar da dixitalización das pemes, fomentar un modelo enerxético sostible, impulsar a economía circular e potenciar a internacionalización”, precisou, lembrando que o Goberno galego está a traballar xa na nova Estratexia RIS-3, para abordar a Galicia 2030 do coñecemento.

A maiores, Feijóo incidiu en que con este obxectivo se puxo en marcha esta iniciativa que desde principios de novembro, está a percorrer a Comunidade co fin de que as pemes e os autónomos coñezan de primeira man as vantaxes da innovación nas súas iniciativas para reforzar a súa competitividade e medrar.

Nesta liña, resaltou que dentro deste tráiler os emprendedores poden recibir asesoramento personalizado por parte do persoal da Axencia Galega de Innovación (Gain); analizar as oportunidades de negocio e elaborar unha folla de ruta encamiñada a conseguir resultados tanxibles e recibir cadernos de innovación e un curso en liña sobre aspectos básicos. Ademais de participar en encontros con outras iniciativas empresariais de éxito, como, Innogando -creador dun dispositivo que cambiará as condicións de traballo nas explotacións-, Lambone -que mestura tradición e innovación coas súas tartas de oruxo ou castaña-, Ametlan -enxeñaría vinculada co medio natural e que realiza sobre todo servizos no sector forestal, agrario e medioambiental-, ou Pizarras Samaca -o maior grupo louseiro co 100% de capital galego-.

“Esperamos que, ao finalizar o percorrido, teñamos atendido máis de 200 consultas e que a innovación se vaia abrindo paso entre os emprendedores”, abundou, recordando que esta iniciativa forma parte do Programa de impulso á innovación nas pemes, dotado cunha achega de 12 millóns de euros.

Cómpre salientar que logo do seu paso por A Veiga, o tráiler estará mañá, 30 de novembro, en Monforte de Lemos; o 1 de decembro, en Chantada; en Melide, o día 2; e en Meira, o día 9.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/11/2021