A Xunta concede axudas para unha ducia de festivais, certames e feiras culturais de carácter afeccionado

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución destas subvencións dirixidas a institucións sen fins de lucro, entidades locais e agrupacións de concellos

Os beneficiarios desta edición son desde festivais de música emerxente, circo ou humor, ata encontros teatrais ou de música de jazz, entre outras

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade valorou que fosen iniciativas abertas ao público e coa participación de compañías e profesionais galegos
 

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a resolución da liña de axudas para apoiar a realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, da que se benefician unha ducia de iniciativas de distintos concellos galegos.


A Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina un total de 50.000 euros a este fin valorando que se trate de espectáculos abertos á cidadanía e a cargo de profesionais galegos. En concreto, foron beneficiarias 13 iniciativas, das que seis están promovidas por entidades sen ánimo de lucro e sete a cargo de concellos.


Recibiron a axuda o Festival Ameixa Rock, impulsado pola Asociación Cultural Ameixa Rock de Carril; a XXVIII edición de Revoltallo de Música e Cultura Emerxente, a cargo do Centro Cultural Artístico e Recreativo de Valladares, en Vigo; o XXI Festival Xironsa, da Asociación Cultural Xironsa de Cambados; o Encontro de teatro promovido polo Centro Cultural, Veciñal e deportivo de Vigo Centro; o VI Festival Intercéltico O Son Do Pazo, a cargo do Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia, en Mos; así como o Festival Atlántida, da Sociedade Deportiva Atlántida, de Vigo.


No caso das entidades locais, beneficiáronse o Festival do Circo e do Humor, do Concello de Boborás; o Festival Aturuxos Ao Son da Ría, do Concello de Cangas; o Festival Ponte Louco, do Concello de Castro Caldelas; a Mostra de Teatro Maruxa Villanueva, do Concello de Chantada; o XII Festival de Jazz do Concello de Noia; o certame SuperArte III, do Concello de Viveiro; e a Semana Teatro da Romaría Vikinga, do Concello de Catoira.


Programación cultural diversificada


Ao abeiro destas liñas de axuda, a Xunta de Galicia apoia propostas que teñan unha duración mínima de dous días consecutivos e un máximo de seis, e que como mínimo destinen un 30% do total das actuacións artísticas a cargo de grupos e ou compañías galegas e as actividades deberán ser gratuítas para o público, entre outros requisitos.
As axudas convocáronse en réxime de concorrencia competitiva e a axuda máxima por beneficiario é de 6.000 euros e poderá ascender a 7.500 euros cando se trate de solicitudes conxuntas de entidades locais, é dicir, solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local.


Esta convocatoria enmárcase no compromiso da Xunta de Galicia por impulsar e apoiar unha programación diversificada e plural, así como distribuída pola xeografía galega. Contribúese así á promoción e cooperación cultural, á difusión e animación sociocultural e á promoción da cultura en Galicia.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/11/2021