A Xunta reivindica unha atención singular para apoiar ás mulleres xordas vítimas de violencia de xénero

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asistiu ao acto no que a Federación de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) repasou as medidas que activou grazas aos apoios da Xunta no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

Destacou a necesidade de potenciar a participación activa en condicións de igualdade na sociedade das mulleres xordas e xordocegas

O Goberno galego garante apoio psicolóxico, e interpretación de lingua de signos ás vítimas con discapacidade auditiva desde que presentan a denuncia
 

A Coruña, 30 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, reivindicou hoxe na Coruña unha atención singular ás mulleres xordas e xordocegas para facer que participen activamente na sociedade en condicións de igualdade e para evitar situacións de violencia de xénero ante as que se mostran máis vulnerables polas multidiscriminacións que poden padecer.

A conselleira aproveitou o acto no que a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) presentou os resultados das actuacións desenvolvidas no marco do Pacto contra a Violencia de Xénero por esta entidade para poñer en valor a colaboración que a Xunta mantén coa Federación ofrecendo apoio psicolóxico a mulleres xordas que sofren violencia de xénero e servizo de intérpretes de lingua de signos desde o momento no que presentan a denuncia.

“Acabar con esta lacra é un fin prioritario para todos e somos conscientes de que a situación de vulnerabilidade e as barreiras ás que se enfrontan as mulleres xordas, e máis incluso se viven nunha contorna rural, son maiores e merecen unha atención singular”, relatou a conselleira, quen reivindicou precisamente poñer o foco “na dobre e ata tripla discriminación” que poden padecer, dixo, pola súa condición de mulleres, polas barreiras de comunicación propias da súa discapacidade que se agudiza se residen no medio rural.
Lorenzana destacou que “contar con recursos específicos resulta esencial para conseguir que as mulleres xordas e xordocegas poidan participar activamente na sociedade en igualdade de condicións, evitando por todos os xeitos situacións de marxinación e exclusión”.

A Xunta mantén desde 2019 un convenio coa FAXPG, financiado cos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero -tendo destinado 80.000 euros en tres anos- para prestar apoio a mulleres xordas que sufran violencia de xénero. Este marco posibilita, tal e como subliñou Lorenzana, que conten con servizo de intérpretes en lingua de signos dende o momento de presentación da denuncia e unha formación específica para profesionais que traballan no eido da violencia de xénero e prestan atención especializada a mulleres xordas.
Tamén garante a elaboración de xornadas e talleres e a elaboración de materiais específicos para a sensibilización e prevención da violencia de xénero de xeito específico para as persoas con discapacidade.

Tal e como lembrou Lorenzana o colectivo de mulleres xordas ou xordocegas precisan de actuacións específicas encamiñadas a eliminar os obstáculos que impiden o seu pleno desenvolvemento persoal e social. Soamente en Galicia hai 29.069 persoas con algunha discapacidade auditiva, das que a metade (14.372) son mulleres.

“Marcos de colaboración como estes son os que sentan as bases e garanten avances consistentes cara unha sociedade sen violencia de xénero, sen violencia exercida contra ás mulleres, sen discriminacións múltiples por razóns de discapacidade. Unha sociedade máis igualitaria e inclusiva”, remarcou.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/11/2021