A Xunta habilita unha ferramenta pioneira para facer proxeccións climáticas co fin de facilitar aos concellos a análise de riscos e a redacción de plans de adaptación

A Comunidade galega do Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía está integrada por 277 concellos, que traballan na elaboración dos seus respectivos plans de acción co apoio do Goberno autonómico, que entre 2020 e 2021 concedeu 1,3 M€ en axudas

Ángeles Vázquez subliña o compromiso do municipalismo galego na loita contra o quecemento global e asegura que Galicia foi posta como un exemplo a seguir polas autoridades europeas durante a última Asemblea española do Pacto
 

Padrón (A Coruña), 30 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta porá á disposición dos concellos adheridos ao Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía unha ferramenta tecnolóxica pioneira en Galicia para facer proxeccións climáticas a nivel rexional e local, unha información clave no estudo dos riscos derivados do cambio climático e, polo tanto, tamén para o deseño e elaboración dos correspondentes plans de adaptación municipais.

Durante a presentación da nova aplicación aos concellos nun acto celebrado no Auditorio municipal de Padrón, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, enmarcou esta iniciativa no compromiso da Xunta coa loita contra o cambio climático e no seu apoio ao municipalismo galego como peza clave na mesma pola necesidade de “actuar a nivel local” fronte a un problema global.

Esta nova utilidade, desenvolvida por MeteoGalicia co nome de Ferramenta de apoio á acción polo clima, porá a disposición de todos os concellos adheridos ao Pacto unha aplicación tecnolóxica de gran utilidade na redacción dos seus plans de acción, xa que lles permite estimar os posibles escenarios derivados do cambio climático a nivel rexional e local.

Trátase dun instrumento clave para dispoñer a medio e longo prazo de proxeccións meteorolóxicas, o primeiro paso para estudar o impacto do cambio climático a nivel local e propoñer plans de adaptación aos posibles efectos deste fenómeno, de xeito que os concellos poden visualizar as posibles variacións do clima en Galicia segundo o nivel de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro que se consiga.

Tras indicar que a ferramenta xa está plenamente operativa e que nos vindeiros días se habilitará o seu acceso para os concellos, Ángeles Vázquez salientou a axuda que suporá para seguir impulsando a redacción dos Plans de acción polo clima e a enerxía sustentable (Paces) en Galicia, un instrumento de adaptación co que xa contan 256 concellos grazas ao apoio da Xunta, que no período 2020-2021 concedeu axudas para a súa elaboración por un importe de 1,3 millóns de euros.

Neste sentido, a conselleira lembrou que a día de hoxe un total de 277 concellos —que aglutinan ao 92,6% da poboación galega— forman parte xa do Pacto, unha iniciativa impulsada pola Comisión Europea en 2008 e que se converteu no maior movemento internacional para buscar sinerxías entre administracións ante o cambio climático.

Estas cifras demostran, como incidiu Ángeles Vázquez, o compromiso do municipalismo galego coa loita contra o quecemento global e cos obxectivos de neutralidade climática, resaltando o pulo que recibiu este movemento en Galicia desde que a Xunta se implicou como coordinadora, no ano 2017.

De feito, asegurou que durante a última Asemblea española do Pacto, celebrada este mes en Valencia, o representante da Oficina europea do movemento resaltou o exemplo de Galicia polo seu apoio ás entidades locais, mediante a achega de fondos para apoiar iniciativas como a redacción dos Paces.

Compromiso coa redución de emisións e a neutralidade climática

Por último, Vázquez Mejuto asegurou que o compromiso da Administración local coas medidas para mitigar o cambio climático terán sen dúbida un efecto positivo na senda pola que xa avanza Galicia, que logrou reducir as súas emisións de gases efecto invernadoiro nun 23,8% respecto a 1990 e vai por bo camiño de cara a lograr o novo obxectivo fixado pola UE para 2030: diminuír as emisións nun 55%.

Así, referiuse ao Memorando de entendemento Under2 ratificado por Galicia na recente COP26 celebrada en Glasgow, que se sumou deste xeito ás rexións e países que asumen o reto de contribuír a que o aumento da temperatura media global a finais deste século se sitúe por baixo dos 2˚C e non supere os 1,5ºC na medida do posible.

Ademais, a conselleira tamén indicou que a Xunta está traballando en liña cos Obxectivos de desenvolvemento sostible e por iso decidiu introducir o número 13, Acción polo Clima, no nome que lle deu MeteoGalicia á aplicación climática presentada hoxe.

Por último, o alcalde de Padrón, Antonio Fernández, subliñou o “papel fundamental dos concellos” fronte ao cambio climático xa que están “na primeira liña dos efectos climáticos”. “Por iso somos tamén os que temos que actuar para promover estratexias e mitigar os mesmos”, declarou o rexedor, que a modo de exemplo referiuse ao recente acordo entre o Concello de Padrón e a Xunta para investir o próximo ano tres millóns de euros na redución do risco de inundación nos ríos Ulla e Sar.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/11/2021