A Xunta confirma o compromiso coa biotecnoloxía como clave para o crecemento da economía galega

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, compareceu esta mañá no Parlamento para presentar a Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico 2021-2025

Esta folla de ruta prevé mobilizar 662M€ co obxectivo de situar a Galicia como rexión de referencia a nivel internacional
 

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, compareceu esta mañá no Parlamento de Galicia para presentar a Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico de Galicia 2021-2025. Argerey avanzou as principais liñas de acción desta nova folla de ruta, que aspira a mobilizar 662 millóns de euros, co obxectivo de situar a Galicia como unha das principais rexións biotecnolóxicas a nivel internacional, fomentando a xeración de negocio e a consolidación empresarial arredor dun Polo de Innovación Biotecnolóxica, que actuará como panca para o bioemprendemento de novas iniciativas empresariais e a atracción de empresas tractoras e intensivas en I+D+i.

Esta estratexia estrutúrase en cinco eixos: talento e capital humano; transferencia de resultados, comercialización e internacionalización; mobilización e atracción de capital; ecosistemas colaborativos e posicionamento e difusión da biorrexión. Ademais, establece seis ámbitos de actuación prioritarios: a xestión e aproveitamento dos recursos mariños; a produción e aproveitamento agrogandeiro e forestal; a alimentación funcional e nutracéutica para a saúde e o envellecemento activo; as novas tecnoloxías para a medicina personalizada; o desenvolvemento e a produción de fármacos e vacinas; e o medio, a economía circular e a bioenerxía.
Tal e como informou a directora da Axencia Galega de Innovación, entre os obxectivos que se marcan para este quinquenio están: incrementar nun 50% o número de empresas do sector; aumentar nun 50% a súa facturación; incrementar nun 25% o emprego; ampliar nun 45% o gasto en I+D+i, aumentar nun 300% o capital de investimento privado e afianzar a hibridación sectorial.
Na súa intervención, Argerey destacou a biotecnoloxía como unha das Tecnoloxías Facilitadores Esenciais con maior potencial de aplicación industrial -segundo a Comisión Europea- e reiterou o compromiso do executivo galego co sector como piar fundamental no novo modelo económico que se está a impulsar para Galicia.
Argerey xustificou ademais a aposta que desde o 2016 vén realizando o Goberno galego por maximizar o potencial deste sector no seu papel de motor capaz de xerar valor económico e social, na medida en que contribúe a impulsar a competitividade de sectores estratéxicos para Galicia como o agroalimentario, o forestal, o téxtil ou o enerxético. Tamén apuntou o potencial deste sector para posicionar a Galicia como rexión de referencia en ámbitos tan relevantes para a Comunidade como o envellecemento activo ou a saúde, grazas ao desenvolvemento de solucións disruptivas no eido do descubrimento de fármacos, a alimentación funcional e outros aspectos relacionados coa calidade de vida.

Ecosistema biotecnolóxico
Así mesmo, a directora de Gain destacou as capacidades en investigación do ecosistema biotecnolóxico galego, conformado por dous campus universitarios de excelencia, centros de investigación de referencia nos campos da biomedicina e das ciencias mariñas, tres fundacións biomédicas, un hub de innovación dixital, unha rede de aceleradoras directamente relacionadas coa biotecnoloxía, dous clústeres e “nomeadamente, un tecido empresarial bioemprendedor, emerxente e con enorme empuxe”. Os datos sobre uso da biotecnoloxía confirman esta hipótese, xa que o gasto en I+D en biotecnoloxía aumentou un 86% en Galicia respecto de 2009, dobrando a media nacional.

Argerey remarcou ademais a relevancia da biotecnoloxía para abordar un reto ineludible como é a sustentabilidade e a transición ecolóxica, chave para afrontar grandes retos globais como a auga e alimentos suficientes; combustibles renovables para unha industria cunha demanda enerxética crecente; materiais máis resistentes e procesos máis respectuosos co medio; e medicamentos e ferramentas de diagnóstico e profilaxe mellorados. A directora de Gain tamén lembrou a oportunidade de negocio que supón a bioeconomía para as empresas galegas, unha economía que xa emprega en Europa a máis de 18 millóns de persoas e supón unha facturación anual superior aos dous billóns de euros.

Valor estratéxico

O valor estratéxico deste sector fíxose aínda máis patente durante a pandemia -segundo a directora da Axencia-, contexto no que demostrou unha gran capacidade de resposta traballando a contrareloxo para atopar solucións. Entre estas solucións, Argerey apuntou a contribución á investigación en vacinas no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) e no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) e á súa fabricación, como o Grupo Zendal; tests de diagnose, como os desenvolvidos pola empresa lucense AMSlab co apoio da liña de axudas directas habilitada pola Axencia en 2020 para proxectos innovadores relacionados coa covid 19; tratamentos, como o que está investigando o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur sobre o potencial do litio, co apoio da liña de rescate de proxectos presentados á convocatoria do Instituto de Salud Carlos III, tamén habilitada por Gain en 2020. Estas liñas de apoio postas en marcha no contexto da Covid contribuíron a que o esforzo do sector Administracións Públicas en I+D se incrementara nun 15,3% no último ano, segundo datos da enquisa de gasto en I+D do INE, fronte ao 3,9% de media estatal.

Estratexias de impulso e consolidación do sector

A directora da Axencia Galega de Innovación fixo balance da estratexia de impulso ao sector posta en marcha en 2016, en liña coas prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3). Durante os cinco anos de vixencia da Estratexia, mobilizáronse máis de 262 millóns de euros -64 millóns máis dos previstos- que permitiron avanzar no posicionamento do sector biotecnolóxico galego tanto en termos de mercado como de coñecemento. Entre os fitos máis destacables, duplicouse o número de empresas, a facturación global do sector superou os 412 millóns de euros en 2019 e creáronse 500 novos empregos.

Neste punto, Argerey aproveitou para recoñecer o papel do sector -empresas, centros de coñecemento e entidades asociativas-, sen cuxa implicación tería sido imposible acadar estes resultados, e lembrou algúns datos que sitúan ao sector biotecnolóxico galego como un sector competitivo a nivel nacional e internacional, como que é a segunda comunidade autónoma que máis empresas biotecnolóxicas creou, que o 5,82% das firmas biotech españolas están situadas en Galicia ou que Galicia se sitúa na sexta posición entre as CCAA en gasto en actividades en I+D relacionadas coa biotecnoloxía.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/12/2021