O presidente da Xunta participou, hoxe, na clausura da XXVI Reunión Plenaria da Fundación Círculo de Montevideo: el mundo en pandemia

Feijóo reivindica a democracia a través dunha xestión que ofreza certezas e solucións e cunha política máis próxima aos cidadáns e aos cambios que aparecen no horizonte

Lembra que ás sociedades modernas costounos séculos construír unhas institucións que nos deron xa as maiores décadas de paz, liberdade e prosperidade; e refírese a exemplos como: a Unión Europea, a Transición e a España constitucional e a Galicia do Estatuto

Dá as grazas a este foro por converter esta semana a Santiago nunha capital Iberoamericana do debate sereno e da busca de solucións útiles para os retos que afrontamos no panorama global

“Grazas tamén a todos os relatores por compartir as súas experiencias vitais e a lectura que fan do momento político, social e económico actual”, di, subliñando que a democracia tamén é unha peregrinación que avanza e non se detén, onde as xentes e os pobos se coñecen para camiñar xuntos
 

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou hoxe a democracia a través dunha xestión que ofreza certezas e solucións e cunha política máis próxima ás necesidades dos cidadáns, ás súas inquedanzas e aos cambios que aparecen no noso horizonte.

Durante o acto de clausura da XXVI Reunión Plenaria da Fundación Círculo de Montevideo: El mundo en pandemia, Feijóo referiuse á democracia como a fórmula máis nobre de goberno, porque ten os mellores mecanismos para xestionar o desacordo e recuperar o consenso, permite rectificar erros cambiando aos gobernos e posibilita mellor que calquera outro sistema a convivencia e o benestar.

Nesta liña, recordou que ás sociedades modernas costounos séculos construír unhas institucións que nos deron xa as maiores décadas de paz, liberdade, prosperidade e benestar. E subliñou exemplos diso a todos os niveis: a conformación da Unión Europea, un dos maiores e xa máis consolidados espazos de calidade democrática de todo o mundo; a Transición e a España constitucional; e a Galicia do Estatuto.

“Todos estes procesos son testemuña da capacidade extraordinaria da política para liderar sentimentos e necesidades da sociedade. E todos eles son o relato dun éxito colectivo incuestionable e incontestable”, sentenciou.

O presidente do Goberno galego aproveitou a súa intervención para dar as grazas a este foro que converteu esta semana a Santiago nunha capital Iberoamericana do debate sereno, da reflexión calmada, do ton construtivo e da busca de solucións útiles para os retos que afrontamos no panorama global.

“Grazas tamén a todos os relatores por compartir as súas experiencias vitais e a lectura que fan do momento político, social e económico actual”, engadiu, subliñando que a democracia tamén é unha peregrinación que avanza e non se detén, onde as xentes e os pobos se coñecen para camiñar xuntos.

 

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/12/2021