O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe en Ferrol na clausura do ‘Galician Offshore International Hub’

A Xunta insta ao Goberno a que se sume ao Pacto de Estado por Ferrol para impulsar o Hub de eólica mariña

Conde salientou que a iniciativa permitirá consolidar o traballo industrial que xa se vén realizando nos estaleiros de Navantia Fene e para avanzar no ámbito da xeración eléctrica a partir desta enerxía renovable

O Goberno galego agarda que se teñan en conta as propostas consensuadas en Galicia para acertar coas localizacións máis idóneas para o desenvolvemento a futuro da eólica mariña, sempre desde o respecto, o equilibrio e a compatibilidade coas actividades pesqueiras e a preservación do ecosistema mariño

Ferrol, 1 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, fixo referencia hoxe en Ferrol a que Galicia necesita que o Goberno central dea un paso adiante, despois de seis meses de espera, e se sume ao Pacto de Estado para impulsar na comarca iniciativas estratéxicas como o Hub de eólica offshore. Unha iniciativa que, tal e como apuntou, permitirá consolidar o traballo industrial que xa se vén realizando nos estaleiros de Navantia Fene e para avanzar no ámbito da xeración eléctrica a partir desta enerxía renovable.

Así o manifestou durante a súa participación na clausura do congreso Galician Offshore International Hub (GOinterHUB), que tivo lugar no CIS Tecnoloxía e Deseño, un encontro que valorou como unha oportunidade para constatar o actual momento estratéxico para apostar pola eólica mariña.

Tendo presente o marco nacional –Plans de Ordenación do Espazo Mariño (POEM)–
e europeo –Estratexia de Crecemento Azul da Comisión Europea–, o vicepresidente económico asegurou que a Xunta de Galicia traballa para avanzar no camiño desta tecnoloxía renovable da man do sector industrial e o marítimo-pesqueiro, así como as entidades e organizacións vencelladas a esta actividade. Polo tanto, apostou polo diálogo, o consenso e a total transparencia para garantir o seu desenvolvemento desde o respecto, o equilibrio e a compatibilidade coas actividades pesqueiras e a preservación do ecosistema mariño.

Identificar oportunidades conxuntas

Neste sentido, Conde puxo como proba deste compromiso o Observatorio de eólica mariña creado este ano pola Xunta de Galicia como punto de encontro de todos os axentes do sector no que identificar oportunidades e acordar os pasos a dar.

Así mesmo, fixo mención ao Clúster de Eólica Offshore que Galicia constituíu xunto con Cantabria e Asturias para desenvolver unha estratexia compartida que sitúe ao norte de España como un referente internacional desta enerxía, tanto no desenvolvemento de proxectos de demostración, como o impulso comercial desta tecnoloxía renovable ou para a consolidación dunha cadea de valor propia con proxección internacional.

Por iso, o Goberno galego agarda que se teñan en conta as propostas consensuadas en Galicia para acertar coas localizacións máis idóneas para o desenvolvemento a futuro da eólica mariña, xa que nacen dun diálogo frutífero da Administración coa industria marítimo-pesqueira e o propio sector.

O responsable de Economía, Empresa e Innovación da Xunta asegurou, ademais, que os fondos europeos Next Generation proporcionarán o marco máis propicio para redobrar a aposta de Galicia polas enerxías renovables desde a transparencia, a coherencia e o sentido común.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/12/2021