A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, Enrique Urcola, e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, clausurou hoxe a xornada Modelos de xestión do ciclo integral da auga

A Xunta atenderá máis dunha cuarta parte das achegas recibidas para enriquecer o proxecto de lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga

Vázquez Mourelle detalla que se está a ultimar a resposta ás propostas formuladas por 36 entidades, máis de 120 achegas das que se estimarán total ou parcialmente 34 delas

Subliña que a Xunta pon un novo modelo de xestión profesionalizada da auga ao servizo daqueles concellos que o decidan voluntariamente, un modelo baseado no coñecemento das redes e non excluínte dos xa existentes

Destaca que a Lei ten como obxectivos regular e estender a axuda da Xunta aos concellos, nos que leva investidos 1.100 M€ en obras de saneamento e abastecemento

Recorda que a Xunta xa vén xestionando 28 depuradoras municipais, unha opción que coa nova Lei se ofrecerá a todos os concellos que así o soliciten de forma voluntaria

Reitera que a iniciativa non supón novas taxas aos cidadáns, senón que simplemente reordena as que existen e substitúe as que aplican os concellos nos casos de que estes cedan a xestión a Augas de Galicia

Subliña a responsabilidade ambiental da Lei, que ten como obxectivos contribuír a rematar coas deficiencias no funcionamento das depuradoras, co desperdicio da auga por fugas nas redes de abastecemento e cos vertidos ao medio

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta atenderá máis dunha cuarta parte das achegas recibidas para enriquecer o proxecto da Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, Enrique Urcola, e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, clausurou hoxe a xornada Modelos de xestión do ciclo integral da auga.

Este encontro, no que participaron preto de 100 persoas, contou coa exposición de distintas experiencias de xestión da auga por parte da directora de Auga do Principado de Asturias, Vanesa Mateo; dun representante da Deputación de Ourense, Francisco Cacharro; o xerente do Consorcio do Louro, Rufino Rodríguez; ou a empresa municipal de augas da Coruña, Emalcsa.

Ethel Vázquez salientou que a Xunta é consciente de que os concellos, sobre todo os máis pequenos, non teñen a capacidade económica e técnica para dotarse das infraestruturas de abastecemento, saneamento e depuración necesarias e mantelas de modo axeitado.

Para achegar solucións a estas carencias, lembrou que o Goberno galego está a impulsar a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga. Detallou que na actualidade se está ultimando a contestación ás propostas formuladas no período de participación por 36 entidades, tendo en conta que das máis de 120 achegas recibidas se estimarán, total ou parcialmente, 34 delas.

Explicou que se trata dun novo modelo de xestión profesionalizada dos servizos da auga, voluntario para os concellos e non excluínte dos modelos xa existentes, como pode ser a xestión directa, os consorcios, a través de concesionarias, etc. Un modelo, incidiu, baseado no coñecemento das redes, que é algo fundamental.

Indicou que a Xunta ofrece un modelo máis ao servizo dos municipios que así o desexen para mellorar a calidade, a eficacia e a eficiencia dos servizos que prestan aos cidadáns, axudándoos nas súas competencias.

Destacou que a nova Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga ten como obxectivos regular, ampliar e estender a axuda que a Xunta xa vén prestando aos concellos, nos que investiu máis de 1.100 millóns de euros en obras de saneamento e abastecemento.

Recordou que a Xunta tamén vén xestionando 28 depuradoras municipais, unha opción que coa nova lei se ofrecerá a todos os Concellos que así o soliciten de forma voluntaria.

Reiterou que a iniciativa non supón novas taxas aos cidadáns, senón que simplemente reordena as que xa existen e substitúe as que aplican os concellos nos casos de que estes cedan a xestión a Augas de Galicia.

Apelou á responsabilidade ambiental, rematando coas deficiencias no funcionamento das depuradoras, co desperdicio da auga por fugas nas redes de abastecemento ou cos vertidos ao medio.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/12/2021