O titular do Goberno galego e o presidente de Fundación “la Caixa” firmaron hoxe un convenio para que a Xunta e a entidade financeira sigan traballando xuntos na mellora do benestar dos colectivos máis desfavorecidos

A Xunta e 'la Caixa' intensifican a colaboración entre ambas institucións en materia social, científica, educativa e cultural

O documento establece como fin prioritario paliar as consecuencias que a pandemia está a ter, especialmente, na vida dos colectivos máis desfavorecidos: persoas maiores, menores cuxas familias están nunha situación vulnerable, colectivos con necesidades especiais afectados por enfermidades, persoas con discapacidade ou persoas en risco de exclusión

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da Fundación “la Caixa”, Isidro Fainé, firmaron esta tarde un acordo marco que intensifica a colaboración entre ambas institucións en materia social, científica, educativa e cultural.

Coa sinatura deste novo convenio, que establece que a entidade dedica a acción social na comunidade un total de 12,5 millóns de euros en 2021, establécese como fin prioritario paliar as consecuencias que a pandemia está a ter, especialmente, na vida dos colectivos máis desfavorecidos: persoas maiores, menores cuxas familias están nunha situación vulnerable, colectivos con necesidades especiais afectados por enfermidades, persoas con discapacidade ou persoas en risco de exclusión.

Así, no eido do emprego, por exemplo, o acordo recolle o obxectivo de fomentar a contratación de colectivos con dificultades especiais para atopar un traballo, como persoas con discapacidade, parados de longa duración, mozos en risco de exclusión, mulleres vítimas de violencia de xénero e persoas migrantes, entre outros. E co fin de fomentar a participación social dos maiores, este colectivo ten a oportunidade de formarse en proxectos de novas tecnoloxías, culturais e sociais a través de centros conveniados.

O acordo tamén contempla accións nos ámbitos educativo e de investigación, e en materia cultural. Neste último eido, cómpre lembrar que a fundación “la Caixa” firmou en 2020 un acordo específico dun total de 5 millóns de euros para apoiar a celebración do Xacobeo, que se trasladou a 2021 e 2022, a causa da situación xerada pola Covid-19; unha colaboración que inclúe tanto o apoio a iniciativas da Xunta como a actividades propias da entidade no marco do Ano Santo.

Por outra banda, seguirase a impulsar o achegamento das humanidades, as artes escénicas e a música a todos os cidadáns, a través da organización de eventos como exposicións ou concertos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/12/2021