A Xunta tramita a inscrición de varios montes de Monterrei e A Veiga no rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas

No caso de Monterrei, inscribiranse 156,14 hectáreas compostas por carballos e bidueiros

Mentres, na Veiga inscríbense 255,08 hectáreas integradas por bidueiros e cerquiños

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe senllos anuncios da Consellería do Medio Rural polos que se someten a información pública os procedementos de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas de varios montes da provincia de Ourense. Por unha banda, o do monte Búbal e Medeiros, de titularidade da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Medeiros, e o do monte Ladairo, Portela e Camiño Vello, de titularidade da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vilaza, ambos no concello de Monterrei. Por outra, iníciase o procedemento de inscrición do monte Acevedos e Morteiras, de titularidade da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Xares, do municipio da Veiga.
No caso de Monterrei, inscribiranse 156,14 hectáreas integradas por dúas mouteiras con carballos e bidueiros. Mentres, na Veiga inscríbense 255,08 ha compostas por tres mouteiras con bidueiros e cerquiños.
A partir de mañá, do día seguinte ao da publicación dos anuncios no DOG, calquera persoa física ou xurídica poderá examinar no Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Medio Rural en Ourense os documentos correspondentes a estes expedientes de inscrición, podendo presentar as alegacións que estimen oportunas nun prazo de dous meses, que computarán a partir de mañá.
Cabe sinalar que, na actualidade, xa existen 30 masas inscritas no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas: 2 na provincia da Coruña, 9 en Lugo, 13 en Ourense e 6 en Pontevedra, cunha superficie total de máis de 2.200 hectáreas.
En Galicia existe, de acordo co 4º Inventario Forestal Nacional, unha superficie de masas de frondosas autóctonas dunhas 415.000 hectáreas, dominadas principalmente polo carballo, cerquiño, castiñeiro e bidueiro, xa sexa en forma de masas dunha soa especie ou en mesturas íntimas de dúas ou máis especies. Estas masas conforman a paisaxe característica de Galicia e teñen un alto interese para a conservación de especies e hábitats, así como unha gran capacidade de xerar recursos de alto valor para a sociedade.
Tendo en conta toda esta riqueza, e en desenvolvemento da Lei de Montes, a Xunta publicou o Decreto que regula o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas. Nel inscríbense aquelas cunha superficie mínima de monte de 15 hectáreas que poden estar constituídas por tres coutos redondos, sempre que cada unha delas teña un mínimo de 3,75 hectáreas (25% da superficie mínima) e unha idade media de 20 anos.
O rexistro pretende favorecer a xestión forestal activa das masas inscritas, para o que o Decreto que o regula establece unha serie de medidas, como son a prioridade na concesión de axudas públicas, a divulgación dos seus valores e das utilidades directas destas masas de frondosas ou mesmo o fomento do desenvolvemento de vantaxes fiscais para os seus titulares.
Enlace ao anuncio no DOG de Monterrei:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20211202/AnuncioG0426-231121-0003_gl.html
Enlace ao anuncio no DOG da Veiga:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20211202/AnuncioG0426-231121-0002_gl.html

Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 02/12/2021