A Xunta destina case 26 M€ para a compra de medicamentos para o tratamento da esclerose múltiple

Feijóo explicou que estes medicamentos poden previr a aparición de novos gromos, fan que estes sexan máis leves ou atrasan a aparición da discapacidade

Salienta que Galicia é referente nacional no tratamento desta enfermidade, sendo o CHUS un dos doce centros de esclerose múltiple de referencia en España
 

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe na rolda de prensa do Consello da Xunta o investimento de case 26 M€ para a contratación da subministración de 5 medicamentos para o tratamento da esclerose múltiple.

Máis polo miúdo, Feijóo explicou que destes 5 medicamentos, 2 empréganse en primeira liña ou en fases iniciais da esclerose múltiple recorrente recidivante e os 3 restantes na fase activa e grave da enfermidade.

Trátase, puntualizou, de medicamentos que, se ben non curan a enfermidade, poden previr a aparición de novos gromos, fan que estes sexan máis leves ou atrasan a aparición da discapacidade. Nese sentido, precisou que na actualidade máis de 3.000 galegos e galegas están recibindo tratamento no Sergas e só durante 2020 a preto de 1.900 persoas se lles dispensaron estes fármacos que agora se licitan.

Ademais, Feijóo salientou que Galicia é referente nacional no tratamento desta enfermidade, sendo o CHUS un dos doce centros de esclerose múltiple de referencia en España.

Finalmente, Feijóo tamén recordou a presentación hai dous anos do proceso asistencial integrado de esclerose múltiple que fixa un protocolo común en toda a Comunidade orientado á detección temperá, contempla o procedementos para a solicitude de avaliación da discapacidade e impulsa un catálogo para os profesionais e pacientes sobre os recursos máis próximos ao domicilio.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/12/2021