O ano de Xela Arias entra na recta final cun novo traballo musical inspirado nos seus poemas

O secretario xeral de Política Lingüística participou esta tarde na presentación do disco ‘Xela’ con cancións dos artistas Clara Pino e Pablo Vidal

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu hoxe á presentación en concerto do disco Xela, o último traballo de estudo dos músicos Clara Pino e Pablo Vidal. O traballo musical, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, é unha compilación de cinco cancións que os artistas foron compoñendo sobre os poemas de Xela Arias como parte das sucesivas homenaxes á poeta durante o 2021.

No acto, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade sinalou que este disco preséntase xusto no último treito do ano de Xela Arias e que pon o punto final a un exercicio no que se foron publicando diferentes iniciativas para divulgar entre o gran público a orixinalidade e o enorme interese da obra desta poeta. Neste senso, Valentín García mostrouse convencido de que partir de agora Xela Arias “será unha autora de referencia para moita máis xente e todos os anos serán, dalgún xeito, o seu ano”.

Xunto co secretario xeral tamén interviñeron neste emotivo acto, que tivo lugar no Auditorio Xosé Neira Vilas da Cidade da Cultura, Darío Gil, fillo de Xela, arroupado polos demais familiares e amigos da homenaxeada, e os músicos, Clara Pino e Pablo Vidal.

Despedindo o ano de Xela

A menos de 30 días de despedir o ano de Xela Arias, a Xunta de Galicia segue promovendo a apoiando iniciativas que gaban a figura da autora de Intempériome. Unha das últimas é este traballo no que se compilan as cancións que Clara Pino, amiga da universidade da poeta, e Pablo Vidal foron compoñendo a raíz dos poemas Irás dirás virás, Non me conteño, Borracho, Teremos, terás e Trouxen augamel para agasallarte, da autoría de Arias.

Trátase dun disco co que os músicos quixeron poñer o seu grao de area a todo un ano de loanzas e homenaxes á poeta e tradutora, figura das Letras Galegas 2021. Neste marco, o Goberno galego prevé aínda máis celebracións antes de pechar o ano, como a inauguración da última parada da exposición Asinamos ser libres, na Fundación Curros Enríquez, onde estará aberta ao público ata o vindeiro 17, ou a presentación dos XLIV Cadernos Ramón Piñeiro. Celebración de Xela Arias INTEMPÉRIATEME. Sobre a dificultade de traducírmonos, tamén o venres 17 no Museo do Mar de Galicia, en Vigo.


Os artistas

Clara Pino é unha arpista e cantante viguesa que compaxina o seu labor como docente coa creación musical. Entre os seus traballos discográficos cabe destacar Sete saias, Loaira, Un dedo manchado de tinta ou Nowhere.

Pola súa banda, Pablo Vidal é un instrumentista, compositor e produtor cunha longa traxectoria que abrangue diferentes escenas musicais, desde o jazz ou o rock ata a música orquestral ou infantil, con constantes colaboracións con outros artistas. Xela é o seu segundo traballo conxunto con Clara Pino.

Data de actualización: 02/12/2021