O conselleiro do Medio Rural mantivo unha xuntanza coa rexedora desta localidade ourensá

A Xunta e o Concello de Lobios proxectan a implantación das aldeas modelo de Puxedo e Requeixo no marco da Lei de recuperación da terra agraria

Segundo as solicitudes do consistorio, estas iniciativas permitirían dinamizar os núcleos de poboación de San Paio e Grou respectivamente, xerando actividade económica que serviría de devasa natural fronte aos lumes forestais

Así mesmo, na xuntanza avanzouse que se arranxará a capa de rodadura de varios camiños municipais da localidade para facilitar o acceso dos medios de prevención e defensa contra os incendios

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta e o Concello de Lobios proxectan a implantación de dúas aldeas modelo nesta localidade ourensá ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. En concreto, a aldea modelo de Puxedo poría en valor a parroquia de San Paio e a de Requeixo faría o propio na de Grou. Así se vén de perfilar nunha reunión que mantivo o conselleiro do Medio Rural, José González, coa rexedora de Lobios, Carmen Yáñez.
Na xuntanza, o conselleiro lembrou que as aldeas modelo son un dos principais instrumentos contemplados na nova norma para recuperar, neste caso, contornas de núcleos de poboación. Así, xunto cos polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta, trátase dunha ferramenta concibida para crear nova actividade económica no rural, contribuíndo á xeración de riqueza e á fixación de poboación, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais, ao exercer esta actividade de devasa natural fronte ao lume.
Na actualidade, as aldeas modelo de Puxedo e Requeixo atópanse nunha fase inicial, polo que se están mantendo encontros cos propietarios implicados para acabar de pechar o perímetro que abarcaría cada unha das figuras. Ao tratarse dun instrumento voluntario, estas aldeas modelo seguirán adiante se contan co apoio dun grupo de propietarios que posúan en conxunto, cando menos, o 70 % do perímetro afectado. De aprobarse, seguidamente procederase á roza e limpeza da contorna das parroquias para proceder posteriormente á posta en marcha das actividades económicas que se consideren máis axeitadas para as respectivas zonas, co obxectivo de recuperar e dinamizar o territorio.
Cómpre engadir que na reunión se avanzou que se arranxará a capa de rodadura de varios camiños municipais de Lobios no marco do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais, para facilitar o acceso dos medios e efectivos aos montes e parcelas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/12/2021