O conselleiro do Medio Rural participou na cesión de maquinaria a nove concellos de Ourense para realizar labores de xestión da biomasa en vías e infraestruturas municipais

A Xunta chama de novo á colaboración institucional para a prevención dos incendios forestais e lembra que a de Ourense é a única deputación galega implicada

González recordou que a implicación das deputacións é unha obriga moral, pero tamén unha cuestión legal, xa que a normativa de Réxime Local contempla entre as súas competencias a loita contra o lume en concellos de menos de 20.000 habitantes

Agradeceu ao presidente da Deputación ourensá, tamén presente neste acto, o seu compromiso nestas tarefas preventivas

San Cibrao das Viñas (Ourense), 3 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro do Medio Rural, José González, fixo hoxe un chamamento público a todas as administracións implicadas na prevención e defensa fronte aos incendios forestais para que se sumen á colaboración institucional coa Xunta nesta materia, clave para a seguridade das persoas e dos bens. González sinalou que esta implicación é unha obriga moral, pero tamén é unha cuestión legal, xa que -como lembrou- a normativa reguladora das Bases de Réxime Local contempla, entre as competencias das deputacións, a prevención e extinción de incendios naqueles concellos de menos de 20.000 habitantes.

Por iso, o conselleiro lamentou que tres das catro deputacións galegas (todas, agás a de Ourense) non teñan respondido ás demandas da Xunta para incorporarse a esa cooperación interadministrativa en materia de lumes forestais. Porén, agradeceu ao presidente do organismo provincial ourensán, José Manuel Baltar, tamén presente neste acto, a implicación que si ten demostrado este organismo.

Un compromiso que, salientou González, ponse de manifesto coa participación da Deputación ourensá no convenio asinado con nove concellos da provincia para a cesión de maquinaria destinada á prevención de incendios. Trátase dos de Boborás, Lobeira, Esgos, Oímbra, San Xoán de Río, A Teixeira, Avión, Trasmiras e Viana do Bolo.

Cada un deles, recordou o conselleiro, recibiu 100.000 euros para a adquisición de tractores e rozadoiras de arrastre e de brazo. Estes apeiros destínanse á limpeza e mantemento, libre de matogueira, das infraestruturas rurais de titularidade municipal, así como á xestión da maleza das masas comúns de concentracións parcelarias de titularidade dos concellos e da biomasa preto de vivendas en terreos de titularidade descoñecida ou do propio concello. Neste último caso, os traballos fanse en predios que non sexan obxecto de actuación no marco do convenio de defensa das aldeas que a Xunta ten asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 03/12/2021