O delegado territorial da Xunta fixo balance esta mañá na Delegación Territorial

Gabriel Alén subliña que o programa ‘O teu Xacobeo’ permitiu consolidar os valores do Camiño na propia sociedade galega

O delegado territorial destacou que o programa de ‘O Teu Xacobeo’ permitiu incrementar a implicación a nivel local na celebración deste Ano Santo

Gabriel Alén destacou o éxito deste programa, que conta con dúas convocatorias que sumaron un total de 572 proxectos concedidos cun investimento de 8 millóns de euros

Ourense, 03 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado de Cecilia Pereira, comisaria do Xacobeo 2021, fixo balance esta mañá na Delegación Territorial de O Teu Xacobeo, unha iniciativa pioneira que permitiu contribuír a construír unha programación do Xacobeo 21-22 que nacía da propia sociedade galega.
Gabriel Alén destacou o éxito deste programa, que conta con dúas convocatorias que sumaron un total de 572 proxectos concedidos cun investimento de 8 millóns de euros e case 15 millóns mobilizados. “Este programa foi a maior convocatoria aberta de proxectos socioculturais da historia de Galicia e amosa á perfección que o Xacobeo e o Camiño están presentes no conxunto da sociedade galega”, explicou o delegado territorial da Xunta, que fixo fincapé no alto porcentaxe de execución dos proxectos concedidos, que xa supera o 80% no conxunto das dúas edicións.
En Ourense, o delegado territorial subliñou que se executaron 59 proxectos que abrangueron a totalidade dos concellos da provincia; un programa que implicou á sociedade civil, á que se animaba a crear e levar adiante proxectos que foran do seu interese. Ao abeiro desta iniciativa puidéronse desenvolver iniciativas musicais como Musgo (http://musgo.gal/) ou o OurenRock así como iniciativas e probas deportivas, de promoción e posta en valor do patrimonio, a gastronomía ou a cultura
“Un Xacobeo inclusivo -continuou Gabriel Alén-para todas e todos, entidades públicas e privadas e que abrangueu os ámbitos do turismo, cultura, deporte, pensamento... nas catro provincias de todo o territorio galego, non só aqueles concellos polos que pasa o Camiño”.
Neste sentido, o delegado territorial recalcou que o programa cumpriu, ademais, co obxectivo desestacionalizador e descentralizador co que se abordou a adaptación da programación deste Xacobeo, espallando as actividades en máis de 200 concellos das catro provincias que implicaron a asociacións, entidades públicas e privadas e que permitiron abordar o fenómeno do Xacobeo e do Camiño desde unha perspectiva multidisciplinar.
Gabriel Alén sinalou que o programa de O Teu Xacobeo permitiu incrementar a implicación a nivel local na celebración deste Ano Santo, dinamizar todo o territorio con actos pequenos, diversos e máis dinámicos a través dos que se espallaron e se fixeron máis presentes os valores do Camiño na propia sociedade galega.
No acto, desenvolvido na Delegación Territorial da Xunta ante unha trintena de entidades, empresas e institucións beneficiarias deste programa e impulsoras de actividades socioculturais, interviñeron José Antonio Álvarez, presidente de FAPA Ourense, impulsor do proxecto “Peregrinando pola Vía da Prata. Escolares camiñando en familia”; e Luís Menor, alcalde de Pereiro de Aguiar, beneficiario do programa “Un Camiño imaxinado”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/12/2021