A Xunta achega á sociedade as vantaxes ambientais da madeira, a súa contribución á bioeconomía e o talento dos profesionais do sector

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou esta mañá en Santiago nunha nova xuntanza do programa #ElasXeranSector, enfocado en poñer en valor esta industria e visibilizar o rol da muller

No encontro, no que participaron 60 profesionais, anunciouse a creación dunha web e de redes sociais específicas do programa para seguir divulgando o potencial da cadea forestal-madeira

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou esta mañá nunha nova reunión do programa #ElasXeranValor, promovido pola Xunta de Galicia co obxectivo de achegar á sociedade a industria forestal e visibilizar o rol da muller ao longo de toda a cadea de valor.

Con este programa, o Goberno galego, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, pretende dar a coñecer todo o potencial da cadea forestal-madeira, divulgando as vantaxes ambientais desta materia prima, a súa contribución á neutralidade climática e á bioeconomía, poñendo en valor, ademais, a variedade de produtos, empresas e o talento dos profesionais que forman parte do sector en Galicia.

Na reunión, o director anunciou a próxima posta en marcha dunha web e de redes sociais específicas de #ElasXeranSector, para seguir abrindo a industria forestal á sociedade, industria de vangarda na que o talento feminino participa activamente para posicionar o sector.

A iniciativa #ElasXeranSector naceu no ano 2019 e, desde entón, leva traballando por constituírse nun foro para abordar os retos do sector, á vez que se traballa desde unha perpectiva de xénero. Neste sentido, promovéronse actuacións de comunicación protagonizadas por mulleres que traballan neste eido; adquiriuse o compromiso de contar con poñentes femininas en todos os eventos e conferencias organizados pola Axencia Galega da Industria Forestal, así como actividades formativas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/12/2021