A Xunta e Red Eléctrica avalían os proxectos e investimentos que permitirán cubrir as novas necesidades da industria galega

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, mantivo esta mañá unha reunión coa presidenta de Red Eléctrica de España (REE), Beatriz Corredor, na que solicitou que se inclúan na planificación tanto a subestación de Vigo como as necesidades dos novos proxectos que se poidan desenvolver no porto exterior da Coruña

Galicia posiciónase como a segunda rexión que máis enerxía renovable produciu o pasado ano e, nos primeiros oito meses do 2021, as renovables supuxeron o 76,6% do mix de xeración, producindo un 9,5% máis que no mesmo período de 2020

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, mantivo esta mañá unha reunión coa presidenta de Red Eléctrica de España (REE), Beatriz Corredor, na que se abordaron os proxectos e investimentos necesarios para que Galicia poida afrontar a transición enerxética e contar cun servizo de calidade que garanta a competitividade do tecido empresarial galego. Así, Feijóo trasladou a importancia de incluír na planificación do período 2021-2026 tanto a subestación de Vigo como as necesidades dos novos proxectos que se poidan desenvolver no porto exterior da Coruña.

En concreto, a Xunta de Galicia considera necesario que o Goberno central aprobe a excepcionalidade do proxecto de Vigo co obxectivo de manter a competitividade e acompañar o crecemento de industrias como Stellantis, que precisa modificar a tensión da subestación de 110 a 220 kV, unha petición que a Administración autonómica xa trasladou a REE durante a fase de propostas da planificación. Tamén é prioritario reforzar a rede no porto exterior da Coruña para apoiar o desenvolvemento de novos proxectos.

Por outra banda, o presidente tamén fixo chegar o interese da Comunidade de contar coas infraestruturas necesarias para seguir avanzando no desenvolvemento eólico tanto terrestre como mariño. Así, á hora de asignar novos permisos de acceso a conexión habería que ter en conta a proximidade ao nó de evacuación e incrementar a capacidades de nós como os de Ludrio, Vimianzo, Mazaricos, Regoelle ou Boimente; así como incluír as infraestruturas necesarias para a evacuación da enerxía eólico mariña.

Con estas solicitudes preténdese conseguir unha planificación que se adapte ás novas necesidades industriais e de xeración de enerxía coas que Galicia quere facer fronte á transición enerxética, xa que se trata de infraestruturas clave para impulsar a recuperación económica. Deste xeito, incidiu na importancia de acompañar ás empresas neste contexto ofrecendo seguridade e certezas para facer fronte aos cambios.
Galicia avanza cara a unha Galicia máis verde como demostra o feito de que a rexión posiciónase como a segunda que máis enerxía renovable produciu o pasado ano. Ademais, entre xaneiro e agosto de 2021, as fontes renovables representaron o 76,6% do mix de xeración producindo un 9,5% máis que no mesmo período do ano 2020.

Na reunión, na que tamén estiveron o Conselleiro Delegado de Red Eléctrica, Roberto García Merino, e o vicepresidente Segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, tamén se abordou o estado do proxecto de interconexión Galicia-Norte de Portugal, pendente de recibir a Declaración de Impacto Ambiental.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/12/2021