A conselleira do Mar, Rosa Quintana, reuniuse co grupo de traballo sobre a Política Pesqueira Común creado no seo do Consello Galego de Pesca

A Xunta perfila co sector a proposta para defender os intereses da pesca galega na próxima revisión da PPC

A titular de Mar entregou ao grupo de traballo creado no seo do Consello Galego de Pesca a proposta de base elaborada pola comunidade co obxectivo de definir a proposta de ditame e a súa redacción para posterior aprobación no pleno

A comunidade aposta por unha revisión da Política Pesqueira Común que impulse a remuda xeracional e converta a pesca nunha opción atractiva para a xente nova promovendo a renovación das frotas e a contratación de profesionais cumprindo todos os estándares europeos en materia laboral

A Xunta defende a necesidade de que todos os actores do sector pesqueiro teñan as mesmas regras de xogo e que exista un equilibrio na relación con outros estados do Espazo Económico Europeo ou o Reino Unido

O Executivo galego lembra que o sector pesqueiro é a solución para unha alimentación saudable, rica en proteína e cunha menor pegada de carbono que outras actividades

A folla de ruta de Galicia enxalza o papel das organizacións rexionais de pesca e defende a necesidade de que a Unión Europea promova a súa creación alí onde non existen para atallar a pesca ilegal e o crecemento incontrolado dalgunhas frotas
 

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe un encontro co grupo de traballo sobre a Política Pesqueira Común (PPC) creado no seo do Consello Galego de Pesca para trasladarlle a proposta de base elaborada por Galicia de cara á revisión da política comunitaria en materia pesqueira. Deste xeito, os integrantes deste grupo puideron avaliar o documento -que onte foi analizado polo Consello da Xunta- coa finalidade de definir a proposta de ditame e a redacción do mesmo para o seu posterior estudo no pleno do Consello Galego de Pesca.


A titular de Mar, que estivo acompañada pola secretaria xeral técnica, Silvia Cortiñas, explicou que Galicia aposta porque na futura PPC haxa un equilibrio entre os aspectos medioambientais, económicos e sociais facendo un esforzo especial na consecución da remuda xeracional para converter a actividade nunha opción atractiva para a xuventude europea. Ademais, o documento lembra o papel esencial da proteína mariña na seguridade alimentaria así como que a súa obtención por medio do sector pesqueiro conta cunha baixa pegada de carbono, especialmente no que se refire á frota artesanal.
A posición galega pasa por unha solución europea e europeísta que reforce a cohesión social e económica, a innovación tecnolóxica e a mellora das condicións de traballo e vida a bordo dos buques. Neste sentido, o documento pretende destacar as reformas que serían recomendables desde o punto de vista de Galicia -a principal rexión pesqueira da Unión Europea- incidindo en cinco grandes grupos de asuntos: unha PPC social e de futuro, un comercio pesqueiro xusto coas mesmas regras de xogo, unha pesca sustentable e compatible coa conservación da biodiversidade, un sector adaptado ao cambio climático e a cogobernanza global como base para a sustentabilidade da actividade.
Rosa Quintana incidiu en que a política comunitaria debe poñer o foco no aspecto social, coa remuda xeracional como gran reto, e considera vital acometer a renovación tecnolóxica das frotas, mellorar as condicións de habitabilidade e seguridade a bordo e converter a profesión nunha opción ben remunerada e atractiva para a xuventude europea.
Para logralo, o Executivo galego aposta por facer fincapé na modernización dos buques -que non ten por que implicar maior capacidade de pesca-, certificar a contratación de profesionais con todos os estándares europeos en materia laboral e estimular a igualdade de xénero dando visibilidade ás mulleres e impulsando a súa presenza a bordo dos buques pesqueiros, para o que tamén é indispensable a renovación da frota.
Outro aspecto transcendental para o futuro do sector pesqueiro galego que recolle o informe é o comercio pesqueiro xusto -o level playing field- no que todos os actores teñan as mesmas regras de xogo e impedindo o acceso ao mercado comunitario daqueles que non cumpran coas normas establecidas. Neste contexto, lembrou a conselleira do Mar, a frota galega considera fundamental loitar contra as subvencións existentes en terceiros países, que lastran a competencia no mercado comunitario, e que haxa un equilibrio na relación con outros estados do Espazo Económico Europeo ou o Reino Unido.
Nesta liña, o informe lembra que non existe unha política fiscal homoxénea nin a nivel comunitario nin internacional en aspectos como as bonificacións ao combustible profesional polo que avoga porque a Unión Europea presente ante a Organización Mundial do Comercio (OMC) unha proposta para homoxeneizar os gravames en todos os países e evitar distorsións e o falseamento da competencia.

Alimentación saudable

En canto á pesca sustentable e compatible coa conservación da biodiversidade, Galicia lembra que o sector pesqueiro é a solución para unha alimentación saudable, rica en proteína e cunha menor pegada de carbono que outras actividades. Por iso, defende a importancia de garantir o seu futuro e de velar porque haxa un equilibrio entre as políticas ambientais e as pesqueiras, tendo en conta a relevancia socioeconómica da pesca artesanal nas zonas costeiras.

Precisamente na adaptación ao cambio climático, a proposta galega ve crucial que os aspectos medioambientais, económicos e sociais estean ao mesmo nivel, recoñecendo o papel das actividades marítimas -pesca e acuicultura- na consecución dunha alimentación saudable e apostando polo desenvolvemento de sistemas de propulsión de buques neutros en carbono para descarbonizar o sector marítimo.

O quinto aspecto prioritario para Galicia de cara á revisión da PPC é a cogobernanza global como base para a sustentabilidade da actividade, un aspecto no que xogan un papel determinante as organizacións rexionais de pesca (ORP). O informe salienta que o 80% dos desembarques actuais de peixes proceden de poboacións explotadas de xeito sustentable e que os peores datos proceden das zonas que carecen de ORP. Por iso, a proposta galega defende a necesidade de que a UE promova a creación destas organizacións alí onde non existan para contribuír a atallar a pesca ilegal e o crecemento sen control de determinadas frotas que empregan a traballadores en condicións precarias.

Unha vez que o Consello Galego de Pesca aprobe a proposta definitiva da comunidade de cara á revisión da PPC, Galicia manterá contactos coas autoridades pesqueiras de varias rexións da UE para alcanzar posicións conxuntas e impulsará un cumio -ben en territorio galego ben noutra rexión europea- co obxectivo de debater sobre a política europea e as necesidades do sector. Ao mesmo tempo, buscarase o apoio das principais organizacións pesqueiras comunitarias e trasladaranse todas as xestións aos parlamentarios do Congreso dos Deputados, Senado, Parlamento galego e Eurocámara para que realicen as actuacións que consideren oportunas na defensa dos intereses da pesca galega.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 03/12/2021