O programa da Xunta 'O Teu Xacobeo' apoiou case un centenar de proxectos na provincia de Lugo con achegas por valor de 1,1 M€

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacaron que a iniciativa para descentralizar a celebración do Xacobeo 21-22 tivo repercusión en máis de 40 concellos lucenses

A metade dos proxectos promovidos desde Lugo son impulsados por entidades sen ánimo de lucro e os restantes son propostas de concellos e persoas físicas ou xurídicas

Lugo, 3 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta concedeu achegas por valor total de 1,1 millón de euros para apoiar 96 proxectos na provincia de Lugo a través do programa O Teu Xacobeo, a iniciativa do Goberno galego para descentralizar as actividades do Ano Santo 2021-22 e involucrar a toda a sociedade na súa celebración.
No conxunto de Galicia, as dúas convocatorias sumaron un total de 572 proxectos concedidos cun investimento de oito millóns de euros por parte da Xunta e case 15 millóns mobilizados.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, fixeron hoxe balance das dúas edicións da convocatoria, con repercusión en máis de 40 municipios lucenses. A maiores, precisaron que hai que sumar outras propostas que teñen carácter itinerante por varias provincias ou aqueles que non se cinguen a un ámbito territorial concreto, como libros, documentais ou webseries.
O programa inclúe tres liñas de financiamento, segundo o tipo de beneficiarios. Así, a metade dos proxectos cofinanciados en Lugo, un total de 50, foron impulsados por entidades sen ánimo de lucro; outros 25 foron propostos por entidades locais; e os restantes 21 están promovidos por persoas físicas e xurídicas ou pemes.
O orzamento mobilizado a través das iniciativas aprobadas na provincia ronda os 2 millóns de euros, segundo explicaron durante a presentación, na que tamén se referiron ao grao de execución dos proxectos concedidos, que supera o 80% no conxunto da Comunidade.

A maior convocatoria aberta de proxectos socioculturais

“Este programa foi a maior convocatoria aberta de proxectos socioculturais da historia de Galicia e amosa á perfección que o Xacobeo e o Camiño están presentes no conxunto da sociedade galega”, explicou a directora de Turismo.
Tamén fixo fincapé na variedade de ámbitos que abrangueron as dúas convocatorias. Así, O Teu Xacobeo cofinanciou iniciativas nos eidos do turismo, a cultura, o deporte ou a acción social, entre outros.

Exemplos de actuacións apoiadas

Na presentación deron conta da súa experiencia os promotores dalgúns dos proxectos beneficiarios das axudas, como Camiño Visor, impulsado pola empresa lucense Ceres Ingeniería co obxectivo de obter unha representación virtual do Camiño Francés entre Pedrafita do Cebreiro e Santiago de Compostela e difundir as imaxes a nivel global a modo de Street View no servidor de mapas de Google.
Tamén falaron das súas propostas a Asociación Xuvenil Sagrado Corazón de Lugo, organizadora do ciclo de monólogos Humor no Camiño; a agrupación lucense de Amigos do Camiño de Santiago, que puxo en marcha O Camiño que nos une, para achegar aos centros escolares as vivencias de oito mulleres deportistas; e o colectivo Xaquedrum, que percorreu centros escolares e espazos públicos de varios municipios coa campaña Xadrez no Camiño.
”Todas estas actuacións son unha mostra representativa de que O Teu Xacobeo axudou a incrementar a implicación a nivel local na celebración deste Ano Santo e a dinamizar todo o territorio con actos pequenos e diversos que involucraron a asociacións e entidades públicas e privadas”, afirmou Javier Arias.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/12/2021