A Xunta destaca en Vigo a importancia do emprendemento e a innovación na mellora competitiva do sector da automoción

O Igape participa na xornada de financiamento da High Tech Auto (HTA), incubadora promovida pola Administración autonómica no marco do ecosistema innovador da industria automobilística

O obxectivo da HTA é completar o ecosistema de innovación da automoción galega e da industria auxiliar, integrado por emprendedores, empresas, o sistema de coñecemento e I+D+i, as administracións públicas e as entidades financeiras

No marco desta incubadora, 10 proxectos están xa en fase de academia grazas á primeira edición e 13 iniciativas atópanse en fase de incubación como parte da segunda
 

Vigo, 3 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O director da área de internacionalización do Igape, Augusto Álvarez-Borrás, asistiu esta mañá á xornada de financiamento para os proxectos participantes na segunda edición da High Tech Auto (HTA), incubadora promovida pola Xunta de Galicia co Consorcio Zona Franca de Vigo e a colaboración da Fundación Incyde, e que permite resaltar o potencial do emprendemento na automoción en Galicia, que destaca pola cantidade e calidade de iniciativas innovadoras que contribúen a fortalecer a súa competitividade.

Neste sentido, a High Tech Auto é a primeira incubadora de alta tecnoloxía impulsada na Comunidade, e ten como obxectivo facilitar o fomento da innovación e a transferencia da tecnoloxía ao sector da automoción e a industria auxiliar.

No marco desta incubadora, 10 proxectos están xa en fase de academia grazas á primeira edición e 13 iniciativas se atopen en fase de incubación como consecuencia da segunda. Así, o obxectivo da High Tech Auto -que vén de ampliar o prazo para apuntarse á terceira convocatoria ata o 15 de decembro- é apoiar ata 40 empresas e crear 120 postos de traballo, a través dun investimento de 1,9 millóns de euros.

Os proxectos desenvolvidos na incubadora abarcan propostas variadas como o deseño de produtos, o desenvolvemento de solucións específicas para vehículos conectados ou novas formas de comercialización, entre outras. As iniciativas seleccionadas, tras unha avaliación inicial, atravesan despois unha fase temperá de impulso, incorporándose ao programa de incubación, previo á etapa de aceleración e consolidación.

Deste xeito, a HTA completa o ecosistema de innovación da automoción galega e da industria auxiliar, integrado por emprendedores, empresas, o sistema de coñecemento e I+D+i, as administracións públicas e as entidades financeiras. Ademais, favorece a transferencia de tecnoloxía do ámbito académico e tecnolóxico ao tecido empresarial.

Así mesmo, este foco de emprendemento especializado no sector da automoción integra entre os seus obxectivos e metodoloxías de traballo procesos que permitan orientar as iniciativas incubadas cara á Business Factory Auto (BFAuto), tamén promovida polo Goberno galego.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/12/2021