A Xunta destaca o compromiso dos Escolapios de Monforte coa efiencia e o aforro enerxético mediante o uso da biomasa

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou as novas caldeiras instaladas no colexio, que permiten aforrar arredor de 9.000 euros ao ano con esta fonte enerxética renovable

A Administración autonómica conta con 37 millóns de euros para promover as enerxías renovables, o autoconsumo e o almacenamento enerxético en Galicia
 

Monforte de Lemos (Lugo), 4 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou esta semana o Colexio dos Escolapios de Monforte de Lemos, onde puido coñecer o funcionamento das novas caldeiras de biomasa coas que conta o centro, declarado Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia.

O proxecto, que contou cun apoio da Administración autonómica de preto de 160.000 euros, supuxo un investimento de 201.000 euros. Substituíuse a caldeira de gasoil por catro de biomasa, o que supón importantes beneficios tanto ambientais como económicos. Así, a utilización desta fonte enerxética renovable permite un aforro de combustible de arredor de 23.000 litros de gasóleo anuais e un aforro económico duns 9.200 euros ao ano. Neste sentido, Conde subliñou o compromiso do centro educativo coa eficiencia e o aforro enerxético.

A Xunta segue comprometida co impulso dunha Galicia máis verde, fomentando o uso de enerxías renovables co obxectivo de avanzar na transición ecolóxica. Así, véñense de publicar as novas convocatorias de autoconsumo e enerxías renovables destinadas a particulares, autónomos, entidades sen ánimo de lucro e administracións, ás que se destinan 17,2M€ co obxectivo de chegar a 3000 beneficiarios e crear ao redor de 310 empregos.

Esta cantidade, sumada aos 19,8M€ da convocatoria xa aberta para empresas, fai un total de 37 millóns cos que o Goberno galego prevé mobilizar 98M€, favorecer aforros económicos de 10,1M€ ao ano e reducir as emisións anuais de CO2 en 33.100 toneladas, o equivalente a plantar 1.655.000 árbores.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/12/2021