O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asistiu esta tarde á entrega dos Premios Santa Bárbara 2021, organizados pola Cámara Oficial Mineira de Galicia

Conde remarca o compromiso de Galicia coa minaría sustentable e a innovación no sector

Destaca que a minaría é unha peza fundamental e imprescindible no contexto de transición dixital e ecolóxica, que lle abre un horizonte de oportunidades

Agradece á Cámara Oficial Mineira e aos premiados que contribúan a reivindicar a potencialidade e a responsabilidade desta industria en Galicia
 

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe o compromiso de Galicia coa minaría sustentable e coa innovación no sector. Un sector que, segundo dixo, é unha peza fundamental e imprescindible no contexto de transición dixital e ecolóxica, que lle abre un horizonte de oportunidades.

No acto de entrega dos Premios Santa Bárbara 2021, organizados pola Cámara Oficial Mineira de Galicia en Santiago de Compostela, Conde apuntou que a minaría sustentable é sinónimo de compatibilidade co medio ambiente; de desenvolvemento do medio rural; dun aproveitamento racional, ordenado e eficiente dos recursos; e do impulso dos minerais estratéxicos esenciais para o tecido industrial galego, así como para o desenvolvemento económico.

Conde destacou que o sector mineiro galego, que representa o 0,7% do PIB de Galicia con máis de 3500 empregos directos, é líder en produción de pedra ornamental, co 38% da produción nacional. Tamén é a segunda industria do granito máis importante de Europa. Lidera a produción de cuarzo, co 75% da media nacional. E, no que respecta ás augas termais, representa o 20% da oferta e o 26% da cota de mercado a nivel de toda España.

Galicia, dixo, está en condicións de liderar a aposta pola sustentabilidade e a innovación no sector. E, nese sentido, agradeceu á Cámara Oficial Mineira que contribúa a reivindicar a potencialidade e a responsabilidade desta industria en Galicia a través destes premios, que lle foron outorgados ao director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique Salvador, na categoría de Minaría Sostible. Na categoría de Comunicación, ao presidente do Colexio Oficial de Xeólogos, Manuel Regueiro; ao colexiado de honra do Colexio Oficial de Xeólogos, Juan Ramón Vidal; e o delegado en Galicia do Colexio Oficial de Xeólogos, Pablo Núñez. E, na categoría de Traxectoria, ao expresidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia, Juan de Dios.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/12/2021