A Xunta lamenta que as Deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo bloqueasen as melloras na atención das emerxencias que si se aplicarán en Ourense

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, mantivo hoxe un encontro con representantes das tres deputacións provinciais e da FEGAMP, no que decidiron renovar por un ano o convenio vixente sen aplicar as melloras

A Xunta lamenta que con esta postura se bloquease a mellora da cobertura das emerxencias nas provincias da Coruña, Pontevedra e Lugo e os GES destas provincias non se poidan beneficiar das medidas propostas polo Goberno galego para reforzar as plantillas e aumentar a financiación para cubrir os custos salariais dos GES

As melloras só se poderán aplicar nos 12 GES da provincia de Ourense ao aceptar no anterior encontro a Deputación de Ourense a proposta da Xunta

Os GES de Ourense contarán con 16 novos efectivos, ao mesmo tempo que se mellorará o financiamento do servizo municipal da Mancomunidade Terra de Celanova e as condicións salariais dos grupos
 

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta lamenta que as Deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo decidiran non unirse á proposta do Goberno galego para incrementar o número de efectivos e mellorar a cobertura dos servizos de emerxencias da comunidade.

As tres deputacións rexeitaron as melloras propostas polo Goberno galego e optaron por renovar por un ano o convenio de colaboración coa Xunta en materia de emerxencias e prevención e defensa contraincendios forestais para o desenvolvemento dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) nas mesmas condicións que o que está vixente actualmente, sen incluír as melloras propostas nos grupos das súas respectivas provincias.

Pola contra, na provincia de Ourense si se aplicarán as melloras nas condicións dos efectivos dos servizos de emerxencias ao aceptar na anterior reunión as medidas a Deputación de Ourense e a FEGAMP.

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, lamentou que a negativa e o bloqueo das tres deputacións ás melloras presentadas nestas provincias para os GES coa proposta da Xunta impida mellorar a cobertura das emerxencias e as condicións dos seus efectivos.

Nesta liña, cómpre lembrar que a atención ás emerxencias é unha competencia de carácter local, que corresponde aos concellos de máis de 20.000 habitantes e ás deputacións provinciais nos municipios de menos poboación.

As melloras previstas para renovar o convenio de 2018 que vence este ano, e que ata agora se viña renovando de forma conxunta desde a posta en marcha dos GES ,aplicaranse nos 12 GES da provincia ourensá, mentres que nas outras tres provincias se manterá nas condicións actuais durante un ano.

En Ourense contrataranse a 16 persoas para que os subGES de Lobios, Muíños, Laza, Ribadavia e Avión acaden os 12 efectivos. Tamén se incrementará o financiamento do servizo municipal da Mancomunidade Terra de Celanova. Ademais, actualizarase a financiación destinada aos custos salariais dos GES da provincia para adaptalos ao seu custo real na actualidade respecto ao primeiro convenio asinado en 2013 cun incremento de 40.000 euros por GES, un 16% máis nos gastos de persoal ata acadar, en global, os 320.000 euros anuais por grupo.

Co obxectivo de completar e mellorar o mapa de emerxencias da comunidade optimizando a cobertura e os tempos de resposta, a Xunta pretendía, entre outras medidas, aplicar en todo o territorio galego un incremento do persoal para que os concellos subsede de GES puidesen ampliar as súas plantillas ata os 12 efectivos se así o desexasen, equiparar o custo dos 4 servizos municipais de emerxencias da comunidade -Noia, Sanxenxo, Ponteareas e Mancomunidade Terra de Celanova- ao resto de GES, actualizar o custo salarial dos grupos e crear un subGES con seis efectivos no Grove, que trala decisión hoxe das tres deputacións tampouco se porá en marcha.

Pese a tratarse dunha competencia dos concellos e as deputacións, a Xunta mantén o seu compromiso para colaborar no seu funcionamento desde a posta en marcha destes grupos en 2013 en colaboración coas deputacións provinciais e a FEGAMP. O Goberno galego asume máis da metade do custo anual destes grupos e leva investidos nos últimos anos máis de 40 millóns de euros no seu mantemento e outros 7 millóns para dotalos do equipamento necesario para levar a cabo as súas intervencións con seguridade.

Ademais, leva feito un importante investimento no reforzo dos servizos de emerxencias dos concellos -tanto GES como Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC)- con máis de 60 millóns destinados ao seu funcionamento, equipamento e formación.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/12/2021