A Xunta colabora na publicación da correspondencia que o artista portugués Artur Cruzeiro Seixas enviou nos seus derradeiros anos

‘Querido Paco Barxas’ recompila as cartas que un dos máximos representantes do surrealismo portugués, Cruzeiro Seixas, mantivo co escritor galego Paco López-Barxas entre 1999 e 2020

O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe no Instituto Camões de Vigo na presentación deste volume coincidindo coa data do nacemento do artista
 

Vigo, 3 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu esta mañá en Vigo á presentación do libro Querido Paco Barxas. Cartas de Artur Cruzeiro Seixas (1999-2020), no que colabora a Xunta de Galicia. O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade celebrou a publicación “deste interesante volume, un máis dos que mostran a estreita relación entre Galicia e Portugal, entre as súas culturas, os seus intelectuais e, por suposto, entre as súas linguas, ponte de comunicación e activo que nos une”.

O volume é unha recompilación das cartas que Cruzeiro Seixas, unha das figuras máis representativas do surrealismo portugués, remitiu ao seu bo amigo Paco Barxas durante os últimos 20 anos da súa lonxeva vida. Coincidindo coa data de aniversario de Cruzeiro, quen cumpriría hoxe 101 anos, o Instituto Camões, en Vigo, acolleu a presentación deste volume, no que tamén participaron Célia Mendes, responsable do dito instituto na cidade olívica; Paco López-Barxas, destinatario das cartas e autor do libro, e X. Antón Castro Fernández, historiador e crítico de arte.

20 anos de correspondencia

Querido Paco Barxas recolle unha selección da correspondencia que o escritor e xornalista Paco López-Barxas e o artista surrealista portugués Artur Cruzeiro Seixas mantiveron durante os derradeiros 20 anos de vida do luso, falecido o ano pasado apenas un mes antes de cumprir a centena.

O autor deste volume, prologado por X. Antón Castro Fernández, recibiu a autorización legal en vida de Cruzeiro para publicar os seus escritos. Porén, Barxas decidiu excluír do libro as cartas que saíron do seu propio puño e letra para centrarse exclusivamente nas do seu amigo, plasmando as confidencias, pensamentos e intimidades que Cruzeiro lle confiou entre 1999 e 2020.

Os protagonistas

Artur Cruzeiro Seixas (Amadora 1920- Lisboa 2020) foi un pintor e poeta portugués. Xunto a Mário Cesariny, converteuse nun dos máximos representantes do surrealismo europeo da segunda metade do século XX. Os seus deseños e obxectos atópanse en diversas coleccións privadas e institucións como o Museo do Chiado, a Biblioteca Nacional, o Centro de Arte Moderno da Fundação Calouste Gulbenkian (Lisboa) ou o Museo Granell (Santiago de Compostela). Na súa bibliografía poética destacan obras como Eu falo en Chamas (1986) ou Nos labirintos que invente (2019).

Pola súa banda, Paco López-Barxas (Ourense, 1952) é licenciado en Literatura Hispánica pola Universidade Complutense de Madrid e escritor vinculado ao xornalismo cultural nos principais xornais e revistas literarias do país. Ao longo da súa traxectoria literaria, ten publicado máis de 20 libros entre edicións críticas, crónicas, biografías, contos ilustrados e recompilacións de entrevistas. El foi un dos grandes amigos españois de Artur Cruzeiro, pero tamén o seu confidente, crítico, analista e mesmo coleccionista da súa obra, ademais de promotor de moitas das súas exposicións e divulgador da súa arte en medios especializados de España e Portugal.

Data de actualización: 03/12/2021