A Xunta incrementou un 18% o seu investimento no coidado das persoas maiores desde 2017, ata superar os 314 millóns de euros

A Consellería de Política Social achegou en 2020 un total de 156,4 millóns para a creación e mantemento de prazas públicas residenciais e de centros de día, e case 158 millóns en axudas directas e no Servizo de Axuda no Fogar

O Ministerio de Derechos Sociales y Agenda 2030 publicou recentemente o informe de Presupuesto en Servicios Sociales para personas mayores en 2020
 

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia incrementou desde 2017 o seu investimento para o coidado das persoas maiores nun 18%, ata superar os 314 millóns en 2020. As partidas destinadas ás casas do maior, creadas en 2019, as axudas directas e as achegas autonómicas ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) son algunhas das que rexistraron un maior aumento nos últimos catro anos. Así figura no informe remitido polo Goberno galego ao Ministerio de Derechos Sociales y Agenda 2030, que publicou recentemente o informe de Presupuesto en Servicios Sociales para personas mayores en 2020.

Así, practicamente a metade dos máis de 314 millóns de euros que o Goberno galego inviste nas persoas maiores que residen na Comunidade foron para a creación e mantemento de prazas públicas, tanto en centros residenciais propios como externos; para o servizo de teleasistencia e outros gastos para persoas con dependencia; e para a apertura de novas casas do maior -das que Galicia xa conta con preto de 90 repartidas polas catro provincias-, así como para financiar os gastos de mantemento das xa existentes.

A outra metade correspóndese co investimento realizado para as axudas directas ás persoas con dependencia, que ascenderon en 2020 a preto de 82 millóns de euros, e a achega autonómica para o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar, que superou os 76 millóns. Esta última contía non inclúe o incremento aprobado recentemente polo Goberno galego, que suporá un incremento da achega da Xunta para o mantemento desta prestación en 70 millóns nos vindeiros catro anos. Este aumento permitirá pasar dos 9,7 euros/hora cos que financia neste momento o servizo a Administración autonómica aos 12 cos que rematará en 2024.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/12/2021