A Xunta lembra a posibilidade de recorrer ás axudas dos Grupos de Acción Local do sector pesqueiro para mellorar a competitividade do marisqueo

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro asistiu á presentación dun vehículo multifunción para o marisqueo a pé adquirido pola confraría de pescadores de Mugardos ao abeiro dun proxecto do GALP Golfo Ártabro Norte

Mugardos (A Coruña), 3 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, asistiu hoxe á presentación dun vehículo multifunción para o marisqueo a pé adquirido pola confraría de pescadores local ao abeiro dun proxecto impulsado polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Norte. Este novo equipamento -que supuxo un investimento total de preto de 60.000 euros, cunha axuda pública de arredor de 48.000 euros- facilitará o traballo do sector nos labores de limpeza de materia orgánica, a instalación de redes ou o transporte de persoas e materiais especialmente para parques de cultivo lonxe da costa.
Esta actuación enmárcase nun dos obxectivos estratéxicos dos grupos de acción local do sector pesqueiro, o da mellora da competitividade do sector, a creación de emprego e a atracción da mocidade a través do aumento do valor engadido dos produtos pesqueiros e a innovación en todas as fases da cadea de subministración.
Neste caso, o vehículo multifuncional contribuirá a manter os bancos marisqueiros traballados con menor esforzo, a aumentar a calidade e cantidade das capturas co obxectivo de mellorar a comercialización e a elevar os ingresos das socias e socios da confraría.
Desde 2016 e ata finais de 2020 os GALP desenvolveron preto de 500 proxectos que recibiron arredor de 30 millóns de euros de apoio público e catalizaron 40 millóns de investimento privado. A eles engádense os 144 aprobados este mesmo ano, que mobilizarán preto de 15 millóns de euros entre o investimento público e privado.

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 03/12/2021