Galicia estudará a proposta de poboación axustada remitida onte polo Ministerio de Hacienda

O Goberno central segue sen convocar o Consejo de Política Fiscal e Financiera pese á petición reiterada das comunidades

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

Galicia estudará e analizará a proposta de poboación axustada remitida onte ao mediodía polo Ministerio de Hacienda e Función Pública para determinar o reparto dos recursos do sistema de financiamento autonómico. As Comunidades Autónomas teñen ata finais do vindeiro mes de xaneiro para enviar ao Ministerio as súas valoracións e aportacións sobre esta proposta técnica de 240 páxinas.
Galicia entende que a reforma do novo modelo de financiamento autonómico debe tratarse nun marco multilateral e de diálogo coas comunidades autónomas no seo do Consejo de Política Fiscal y Financiera (CPFF). Neste sentido, o Ministerio segue sen convocar o CPFF, órgano onde debería plantexarse e debaterse esta cuestión que afecta a todos os cidadáns, e desoíndo unha vez máis as peticións reiteradas das CC.AA.

Hai que lembrar que o Goberno central xa excluíu o financiamento autonómico e o fondo covid da orde do día da vindeira Conferencia de Presidentes, unha mostra máis da falta de cogobernanza real e de diálogo coas comunidades.

En todo caso, a Xunta seguirá defendendo a posición plasmada no documento acordado entre oito comunidades autónomas o pasado 23 de novembro en Santiago de Compostela, e defendendo os intereses de Galicia co obxectivo de que todos os cidadáns teñan garantido o dereito a recibir uns servizos de igual calidade con independencia de onde residen, cun modelo que asegure a cobertura total dos servizos a financiar.
 

Data de actualización: 04/12/2021