Feijóo salienta os máis de 8 M€ de investimento da Xunta en Vigo para a construción de 62 novas vivendas protexidas e anuncia 80 máis en San Paio de Navia

Despois da entrega realizada en Cambeses, avanza que en xaneiro será unha realidade outra promoción pública: 26 vivendas situadas no barrio de Chantada

Pon de manifesto o traballo da Xunta para facilitar que os galegos accedan a unha vivenda, especialmente os colectivos vulnerables, “con excelentes parámetros de calidade”

“Vigo é a cidade galega onde máis estamos investindo en vivenda, porque é a cidade onde máis necesidades de vivenda protexida e de vivenda pública temos detectadas”, recalca

Recorda que o Casco Vello de Vigo é o casco galego onde máis investiu a Xunta de Galicia, con case 30 M€ desde a súa creación, permitindo desde entón adquirir 82 edificios e poñer á disposición da cidadanía 117 vivendas protexidas
 

Compartir
  • whatsapp

Vigo, 4 de decembro de 2021.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou esta mañá en Vigo os máis de 8 millóns de euros de investimento da Xunta na cidade olívica para a construción de 62 novas vivendas protexidas e anunciou 80 vivendas de promoción pública máis no barrio de San Paio de Navia que iniciarán as súas obras en 2022.

Fíxoo durante o acto de entrega de 25 vivendas de promoción pública postas en marcha pola Xunta no barrio vigués de Cambeses -ás que se suma unha máis, ata 26, cuxo adxudicatario non puido estar presente-, e no que explicou que estes pisos adxudícanse en réxime de aluguer con rendas sociais que non superarán os 153 euros mensuais. Ademais, sinalou que esta promoción conta tamén con sete en réxime de compravenda e tres que se traspasarán ao Concello pola cesión dos terreos, ata un total de 36 inmobles. Así mesmo, avanzou que en xaneiro farase a entrega da outra promoción pública: 26 vivendas situadas no barrio de Chantada.

O presidente puxo de manifesto o traballo da Xunta para facilitar que os galegos accedan á vivenda, especialmente os colectivos vulnerables, “con excelentes parámetros de calidade”, poñendo como proba diso que esta promoción de Cambeses vén de ser galardoada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Así, explicou que os pisos contarán, como mínimo, con dous dormitorios, praza de garaxe, rochos e con habitacións adaptadas para persoas con mobilidade reducida.

O titular do Goberno galego anunciou ademais o inicio, en 2022, da construción de 80 novas vivendas de promoción pública en San Paio de Navia, lembrando que o proxecto íntegro desde ámbito permitirá, en conxunto, a construción dunhas 1.600 novas vivendas protexidas. “É o maior proxecto de construción de vivenda nova de todo o noroeste de España. Serán 1.600 novas vivendas para poñer á disposición das xentes que viven en Vigo, e onde se van mobilizar 250 millóns de euros”, sinalou. Non obstante, sinalou que este proxecto está pendente de que o Concello de Vigo aprobe os proxectos de urbanización do polígono.

Traballo pola vivenda en Vigo

“Vigo é a cidade galega onde máis estamos investindo en vivenda, porque é a cidade onde máis necesidades de vivenda protexida e de vivenda pública temos detectadas”, recalcou. Por isto mesmo, Feijóo explicou que un dos eidos nos que se está a actuar é na rehabilitación, “en poñer en valor aquelas vivendas que construíron os nosos antepasados, que seguen a ter un interese arquitectónico”.

Neste sentido, recordou que o Casco Vello de Vigo é o casco galego onde máis investiu a Xunta de Galicia, con case 30 M€ desde a súa creación, permitindo desde entón adquirir 82 edificios e poñer á disposición da cidadanía 117 vivendas protexidas. E explicou que para 2022 está previsto un orzamento de máis de 3 millóns de euros para continuar con estas actuacións nesta zona da cidade.

Por outra banda, Feijóo resaltou os máis de 18 millóns de euros investidos nas últimas dúas décadas nas oito áreas de rehabilitación integral: no casco vello, Bouzas, Cabral, Coia, Espiñeiro-Teis, Beiramar, San Roque e San Pablo.

“Hoxe, cando facemos entrega das 25 primeiras vivendas protexidas de promoción pública neste barrio vigués de Cambeses, buscamos algo máis que facilitar o acceso á vivenda, que tamén. Buscamos poñer o noso gran de area para que se conformen novos fogares”, sinalou.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/12/2021