A Xunta concede 218 axudas á redución de xornada para fomentar a corresponsabilidade entre homes e mulleres nos fogares galegos

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da nova convocatoria de apoios para a redución de xornada para coidado de fillas e fillos, que atendeu todas as solicitudes que cumpriron requisitos con axudas que sumarán máis de 400.000 euros

Esta liña está dirixida principalmente a homes, para que participen dos coidados dos fillos e fillas menores de 3 anos, ou de 12 en caso de discapacidade, e que estes non recaian soamente nas mulleres

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria das axudas para a conciliación da vida familiar e laboral por redución de xornada de traballo para persoas traballadoras e co obxectivo de fomentar a corresponsabilidade e implicar principalmente aos homes nas tarefas e coidado de menores no ámbito doméstico. A Xunta concedeu un total de 218 axudas, das que 164 recaeron en homes e outras 54 en mulleres, que tamén poden acceder a estes apoios no caso de formar parte dunha familia monomarental ou con proxenitores do mesmo sexo.
A Xunta atendeu ao total das solicitudes recibidas que cumpriron cos requisitos, ás que destinará un total de 403.433 euros. A contía a percibir por cada familia vai dos 1.700 euros aos 3.700, por un tempo máximo subvencionable de oito meses, que se calcula en función da porcentaxe e a duración da redución de xornada, así como do número de fillos e fillas a cargo da persoa solicitante.
Para seren beneficiarias, as persoas solicitantes tiveron que ter optado pola redución da xornada de traballo entre o 1 de xullo de 2020 e o 30 de xuño de 2021 para dedicarse ao coidado dunha filla ou fillo menor de 3 anos; ou menor de 12 anos no caso de ter discapacidade igual ou superior ao 33%. Para poder acceder ás mesmas, esa minoración da xornada ten que ter sido polo menos do 12,5%.
As axudas tamén están abertas a persoas que adoptaron un neno ou nena ou que prestan acollemento familiar permanente ou preadoptivo. Nestes supostos, para ter dereito ao aboamento, non poden ter transcorrido máis de 3 anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial determinante da adopción.
As persoas que reciben a axuda teñen que ser traballadoras por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, ou pertencer como socios ou socias a cooperativas, sempre que se acollan ao réxime da Seguridade Social.

Reparto equilibrado de tarefas

Estas medidas teñen por finalidade o fomento da corresponsabilidade nos fogares galegos, que se leve a cabo nas familias un reparto equilibrado no tempo do coidado dos fillos e das fillas e da responsabilidade de conciliar que, na maioría dos casos, segue a recaer maioritariamente nas mulleres. Teñen en conta ademais os novos modelos de familia ao se dirixir tamén a homes e mulleres en unidades monoparentais e a fogares integrados por parellas do mesmo sexo.
A Xunta leva investido nesta liña de axudas 6,4 millóns de euros desde 2009 con apoios que recaeron nun total de 3.077 familias.
O fomento da conciliación corresponsable trasladada aos fogares galegos constitúe unha prioridade coa que a Xunta leva traballando anos. Esta labor desenvólvese de maneira transversal, aínda que é no ámbito laboral no que se están a centrar os maiores esforzos, cun investimento previsto para 2022 de 16 millóns de euros.
Ademais da liña para a redución de xornada, ofrécense no eido laboral, entre outras medidas, apoios a entidades locais galegas para que fomenten a conciliación; axudas para a conciliación mediante os acordos laborais de flexibilidade horaria e o impulso do teletraballo; para a conciliación da persoa traballadora autónoma ou para emprendedoras beneficiarias do programa Emega, coas que a Xunta pretende minimizar as dificultades das mulleres para manterse ou reintegrarse ao mercado laboral.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/12/2021