A Xunta avanza na redacción do proxecto construtivo das próximas reformas no hospital da Mariña, ás que destinará 15M€

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, sinala que a adxudicataria dispón de cinco meses para elaborar a documentación, que posteriormente supervisará o Sergas coa previsión de poder licitar a obra o vindeiro ano

Recolle a construción dunha nova edificación, renovación de instalacións liberadas nas fases anteriores e melloras en diversos servizos

Burela (Lugo), 7 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Sanidade avanza na redacción do proxecto básico e de execución das fases II e III de reforma do Hospital Público da Mariña, obras que contarán cun orzamento aproximado de 15 millóns de euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo hoxe unha reunión co xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, e coa directora do hospital, María José Cortés, para avaliar a marcha do proxecto e os prazos previstos para poder licitar as obras posiblemente o vindeiro ano.

Na xuntanza, que tivo lugar no propio centro, Arias explicou que o contrato co equipo de arquitectos encargado de redactar os proxectos e da dirección de obra foi asinado o pasado mes de outubro por un orzamento de 382.000 euros. Prevese que nun prazo de cinco meses desde esa sinatura, a empresa entregue os proxectos do novo edificio así como da urbanización e construción de viario e accesos. Posteriormente, o Sergas supervisará e aprobará estes proxectos e licitará o contrato de obras.

Arias indicou que a fase II contempla a construción dun edificio anexo de dúas plantas con superficie suficiente para albergar o Servizo de Mantemento e a Unidade de Prevención de Riscos Laborais en planta baixa, e salón de actos e dependencias de docencia na planta alta.

Tamén inclúe a reforma da antiga zona de diálise para acoller os novos laboratorios de análises clínicos, anatomía patolóxica e microbioloxía. Nos espazos liberados no actual edificio completarase a reforma de gabinetes de exploración e consultas externas; a creación dun novo hospital de día de procesos asistenciais; e a reforma do servizo de admisión e da unidade de neonatoloxía.

A fase III suporá a ampliación e mellora dos servizos de urxencias e radiodiagnóstico, así como a reforma da área de cirurxía maior ambulatoria, da unidade de recuperación post anestésica e da área de críticos, e os cambios para albergar pediatría no segundo piso.
“A Xunta -afirmou o delegado- segue a ampliar e modernizar o hospital da Mariña, para poñer a disposición dos veciños e veciñas da contorna instalacións sanitarias confortables e coas mellores dotacións”. Ao respecto, lembrou que recentemente instaláronse dous novos equipos radiocirúrxicos, cun custo superior aos 180.000 euros.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 07/12/2021