Luis López anuncia o remate das obras do Centro Cultural e Turístico 'Antonio Fraguas' de Carballedo para este mes de decembro

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, acompañado do alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, supervisa a fase final dos traballos de rehabilitación do antigo inmoble do cine-baile da capital municipal

Esta actuación supón un investimento de 486.000€, dos que 350.000€ foron financiados pola Axencia Turismo de Galicia para reforzar a oferta turística, social e cultural da bisbarra das Terras de Pontevedra

Cerdedo-Cotobade, 7 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou esta mañá as obras de rehabilitación do antigo cine-baile de Carballedo, no Concello de Cerdedo-Cotobade, para a súa reconversión no Centro Cultural e Turístico Antonio Fraguas e anunciou o remate dos traballos para o presente mes de decembro.
“Tras máis dun ano dunha fonda restauración, estamos a piques de recuperar, grazas á colaboración entre a Xunta e o Concello, un edificio de gran valor patrimonial e sentimental que será posto ao servizo dos cidadáns como espazo para accións culturais, turísticas e sociais, que incrementará os atractivos da zona e que será un punto de referencia para os milleiros de visitantes que acuden anualmente aos numerosos recursos turísticos deste concello do interior, co cal reforzamos a oferta da bisbarra das Terras de Pontevedra”, explicou o representante autonómico.
O delegado territorial supervisou esta mañá, acompañado do alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e outros representantes municipais, a fase final dos traballos de rehabilitación deste inmoble, que está previsto que abra as súas portas, xa como centro cultural e turístico, a comezos de 2022.
A restauración deste edificio, situado na marxe esquerda da estrada autonómica PO-233 na entrada da capital municipal, supuxo un investimento de 486.000 euros, dos que 350.000 euros foron financiados pola Axencia Turismo de Galicia en dúas anualidades a través dun convenio co Concello.
O inmoble está a ser recuperado con materiais nobres, como madeira ou zinc, e outros máis actuais, entre os que figuran aluminio, aceiro e formigón, para respectar a súa fisonomía, ao tempo que se abriron grandes ocos na estrutura para favorecer a ventilación e a iluminación natural e dotouse de infraestruturas de novas tecnoloxías.
O Centro Cultural e Turístico Antonio Fraguas terá unha superficie de 477 m² distribuídos en dúas plantas cun amplo vestíbulo para recepcións, exposicións e punto de información turística, unha aula formativa polivalente e multifuncional con 55 m² e, xa no primeiro andar, unha gran sala diáfana con 150 m² e capacidade para ata 130 persoas apta para a celebración de eventos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/12/2021