A Xunta destaca que a chegada do AVE a Galicia axudará a atraer visitantes neste Xacobeo

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou na xornada “A chegada do AVE a Galicia”, organizada pola Asociación de Empresarios Galegos de Madrid

O Goberno galego aproveitará a vantaxe competitiva da chegada do AVE para promocionar Galicia como destino seguro e de calidade a nivel nacional e con especial incidencia en Madrid, o mercado maioritario en canto á procedencia de visitantes

Alfonso Rueda sinalou que o AVE debe estenderse ao resto de cidades galegas incluíndo a dotación dos trens AVRIL de rodadura desprazable

Avogou por dar prioridade a que a comunidade galega poida contar antes de verán cos trens AVRIL e así aproveitar as vantaxes dunha mobilidade competitiva que permita captar turistas no segundo ano deste Xacobeo Dobre

Madrid, 14 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou esta mañá en Madrid que a chegada do AVE a Galicia coa entrada en Ourense o próximo mércores, 21 de decembro, axudará desde o punto de vista turístico a atraer visitantes á comunidade no segundo ano do Xacobeo 21-22. Así o sinalou na súa intervención na xornada A chegada do AVE a Galicia, organizada pola Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama).

No evento, no que coincidiu, entre outros, coa secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, ou o presidente de Renfe, Isaías Táboas, Alfonso Rueda lembrou que a chegada da alta velocidade ofrece a Galicia unha ventaxa competitiva para captar turistas de todo o territorio nacional e, sobre todo de Madrid, o mercado maioritario dos visitantes que viaxan á comunidade galega.

Alfonso Rueda indicou que o Xacobeo se converteu nun dos motores da recuperación económica de Galicia, como o demostra o feito de que este verán Galicia liderase a reactivación do sector no ámbito nacional coa recuperación 25 puntos por encima da media nacional respecto a as cifras prepandemia, sendo a segunda CCAA que recuperou máis pernoitas e a terceira que recuperou máis viaxeiros con respecto ao ano 2019 e recibindo 3,2 M de viaxeiros.

Polo que, a chegada do AVE a Galicia a través de Ourense supón ademais, como explicou o vicepresidente primeiro, un punto a favor para impulsar a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial. O obxectivo da Xunta é intensificar o traballo para sumar esta distinción á declaración de Xeoparque de Montañas do Courel acadada en 2009 e a da Reserva da Biosfera do pasado setembro.

Na mesma liña, indicou o potencial do transporte ferroviario para ofrecer experiencias turísticas personalizadas e puxo como exemplo o exitoso programa Trens Turísticos que este verán ofreceu 11 rutas para coñecer o patrimonio histórico e natural da comunidade, a contorna das súas 5 denominacións de orixe protexida de viño e neste Ano Santo Dobre tamén os Camiños de Santiago. De feito, o pasado verán, pese á covid, a iniciativa acadou récord de ocupación das súas oito edicións cun 98%.

A alta velocidade é un obxectivo prioritario para Galicia desde hai décadas, polo que tal como asegurou o vicepresidente primeiro, pese a estar a piques de cumprirse un fito histórico coa chegada do AVE a Ourense, a Xunta continuará a reclamar que o mapa da alta velocidade se complete e chegue ao resto das cidades galegas segundo o cronograma previsto para que toda a comunidade poida beneficiarse dos beneficios de contar cunha mellor mobilidade coa alta velocidade e ser un destino turístico competitivo.

Nesta liña, Alfonso Rueda indicou que aínda que o resto de cidades galegas se vexan beneficiadas na redución dos tempos de viaxe coa entrada do AVE a Ourense, terán que agardar para que a alta de velocidade chegue ás súas estacións. Por iso, incidiu na necesidade de que os trens AVRIL comprometidos, capaces de alternar os anchos de vía do trazado ferroviario de Galicia cos dos AVE, cheguen antes do verán, tendo en conta que o Ano Santo se estende ao 2022.

En canto ás actuacións levadas a cabo pola Xunta, destacou o compromiso para achegar as estacións de autobuses das principais cidades ás estacións de tren facilitando o acceso dos cidadáns ao transporte público mediante a aposta polas estacións intermodais, xa en servizo en Ourense e Santiago de Compostela e a poucos meses de rematar en Vigo e Pontevedra, ao mesmo tempo que se avanza para impulsar infraestruturas similares en A Coruña, Lugo e Ferrol.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/12/2021