O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participaron hoxe na mesa do Acordo da Sionlla

O Centro de Fabricación Avanzada do Polo da Sionlla demostra o compromiso da Xunta co sector biotecnolóxico a través dun espazo propio para crecer, consolidarse e atraer talento

Francisco Conde enmarca a actuación na Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxia 2021-2025 do Goberno galego, que busca mobilizar máis de 600M€, creando ao redor de 60 novas empresas e 500 empregos

Ángeles Vázquez recorda que a reserva de máis de 60.000 m2 de solo na Sionlla foi unha decisión privilexiada, por concentrar ás empresas biotecnolóxicas nun mesmo espazo, o que lles permite aproveitar sinerxías, e por garantirlles un acceso estratéxico ás vías de comunicación

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O centro de fabricación avanzada, no marco do Polo da Sionlla de Santiago de Compostela, é unha mostra do compromiso de Galicia por impulsar o sector biotecnolóxico a través dun espazo propio para crecer, consolidarse e atraer talento. Así o puxo de manifesto o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, que xunto coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou esta mañá na mesa do Acordo da Sionlla: Polo de innovación en biotecnoloxía.

Na súa intervención, Conde destacou que este proxecto é posible grazas ao grao de implicación de todos os axentes: a Asociación Área Empresarial do Tambre, a Cámara de Comercio de Santiago, A Universidade de Santiago, o Concello e a propia Xunta.

O vicepresidente económico explicou que o obxectivo é industrializar un sector en auxe para facilitar a investigación tecnolóxica e o asentamento e nacemento de novas empresas, dando resposta ás necesidades das compañías biotech. Conde subliñou que o desenvolvemento deste sector permitirá avanzar en retos actuais e futuros como a pandemia, o cambio climático, o envellecemento saudable ou a seguridade alimentaria.

Neste sentido, Galicia quere aproveitar o potencial biotecnolóxico galego con actuacións como o centro de fabricación avanzada que se localizará no Polo da Sionlla de Santiago, unha cidade que pode considerarse un dos principais nodos de coñecemento biotecnolóxico de Galicia. Por iso, a Xunta conta coa Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía 2021-2025 coa que se prevé mobilizar 662M€ ata 2025, o que supón case o triplo que nos últimos catro anos. Os obxectivos son seguir incrementando o número de empresas ata 63 novas, a facturación global sumando 220M€, o número de empregos con 500 novos postos así como o gasto en I+D+i e o capital de investimento privado.

Finalmente Conde puxo en valor o programa dos centros de fabricación avanzada que, xunto co da Sionlla -que conta cunha axuda de 4M€- xa está apoiando sete iniciativas en Galicia e lembrou que se vén de activar unha manifestación de interese para consultar ao tecido empresarial e convocar unha segunda convocatoria o vindeiro ano.

Espazo adaptado e con acceso estratéxico

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, pola súa banda, recordou esta mañá que o compromiso da Xunta co tecido produtivo materializouse na adopción de decisións estratéxicas para as empresas biotecnolóxicas, que facilitan o seu día a día.
A conselleira referiuse ao feito de reservar solo empresarial en exclusiva para este tipo de entidades, de xeito que se dispuxeron 7 parcelas -uns 64.000 m2 na Sionlla- para garantir a implantación dun proxecto integral, o que facilita as sinerxías entre as mesmas.

Explicou que -ademais de garantir espazos adaptados ás necesidades técnicas e ás súas dimensións- están situadas estratexicamente, ao carón do coñecido como enlace orbital que conecta coa AP9 e a autovía que conecta co aeroporto.

Por último, a conselleira destacou que estas iniciativas empresariais tamén dan valor engadido ao parque empresarial da Sionlla, no que xa se adxudicou un 64% do solo e aínda hai máis de 140.000 m2 para adquirir.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/12/2021