A Xunta apoia con 10,7M€ os investimentos en maquinaria e tecnoloxía de 112 pemes da industria forestal

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación vén de publicar no Diario Oficial de Galicia as axudas, que mobilizarán 32 millóns de euros na modernización de pemes e micropemes dedicadas á xestión e explotación forestal e á primeira transformación da madeira

Todos os investimentos apoiados, cunha media de 95.400 euros por beneficiario, se realizan en zonas rurais

Enmárcanse na Axenda da industria forestal, unha folla de ruta deseñada conxuntamente cos principais axentes para potenciar a bioeconomía como motor de competitividade
 

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución de axudas por preto de 10,7 millóns de euros que benefician a 112 pemes e micropemes de xestión e explotación forestal e da primeira transformación da madeira que investirán máis de 32 millóns de euros en maquinaria e tecnoloxía forestal. A axuda media concedida é de 95.400 euros por compañía, prevendo a convocatoria unha intensidade de axuda do 40% do investimento subvencionable cun máximo de 150.000€ por beneficiario.

A resolución publicada esta semana no DOG apoia investimentos de diferentes tipoloxías: desde procesadores forestais, que favorecen os traballos en monte dotando mecanismos de seguridade laboral; ata sistemas de aproveitamento da biomasa, que permiten a valorización dos restos das talas; así como maquinaria automática de canteado e clasificado; ou software de procesado nos serradoiros. Cómpre destacar que todos os investimentos apoiados se realizan en parroquias consideradas rurais, fomentando así a actividade económica neste eido.

Coa resolución desta convocatoria, este ano a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) suma 13 millóns de axudas concedidas a 134 empresas da industria forestal e 11 asociacións representativas do sector, mobilizando preto de 38 millóns de euros co obxectivo de impulsar a modernización e innovación de toda a cadea de valor da industria forestal, potenciando tamén a formación dos profesionais deste ámbito.

Así, ademais da resolución por 10,7 millóns de euros, cofinanciada con fondos Feader, véñense de publicar tamén a a concesión de axudas por 2,2 millóns de para impulsar a formación especializada dos profesionais do sector forestal e a realización de investimentos na segunda transformación da madeira e do contract.

Estes apoios enmárcanse na Axenda da industria forestal, unha folla de ruta deseñada conxuntamente cos principais axentes para potenciar o sector e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/12/2021