O conselleiro do Medio Rural mantivo unha xuntanza co alcalde desta localidade coruñesa, na que tamén participou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

A Xunta e o Concello de Ponteceso colaborarán na posta en valor de terras neste municipio a través das ferramentas da Lei de recuperación

Na reunión, o titular de Medio Rural animou ao rexedor a localizar zonas para desenvolver dous posibles polígonos agroforestais e avaliáronse, así mesmo, liñas de cooperación en materia de prevención e defensa fronte os incendios forestais

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta e o Concello de Ponteceso colaborarán na posta en valor de terras neste municipio coruñés, impulsando as ferramentas que contempla a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia para esta finalidade. Así o acordoaron o conselleiro do Medio Rural, José González, e o alcalde de Ponteceso, Xosé Lois García, nun encontro de traballo mantido este mediodía no despacho do titular de Medio Rural en San Caetano, no que tamén participou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé.

Nesta liña, o conselleiro animou ao rexedor a localizar no seu territorio municipal zonas para desenvolver dous posibles polígonos agroforestais. O alcalde amosou a súa vontade de colaborar nesta materia e interesouse pola posibilidade de identificar, para esta figura, áreas que non están incluídas en procesos de concentración parcelaria.

Outros asuntos tratados nesta xuntanza tiveron que ver coa prevención e defensa fronte os incendios forestais. Neste sentido, avaliouse a oportunidade de incluír terreos deste concello nalgún novo Perímetro de Alto Risco de Incendio (PARI), co fin de facilitar aos propietarios das parcelas a xestión da biomasa preto das súas vivendas. Nesta liña, o conselleiro e o rexedor acordaron que técnicos de Medio Rural se despracen a Ponteceso para analizar estas posibilidades sobre o terreo.

A maiores, o conselleiro trasladou que realizará unha visita ao municipio, e máis concretamente á Fundación Eduardo Pondal, co fin de explicar aos veciños interesados -e especialmente aos titulares de explotacións gandeiras- os contidos e o alcance da Lei de recuperación da terra e de todas as súas vantaxes para mobilizar e poñer en valor terreos

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/12/2021