A Xunta insta a Costas do Estado a axilizar os trámites e aplicar sentido común para avanzar en actuacións estratéxicas de saneamento das rías e evitar a perda de Fondos Europeos

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade remarca no Parlamento que os requisitos do organismo estatal para a concesión de autorizacións demoran, e mesmo impiden, a execución de obras capitais a nivel socioeconómico e ambiental

Sinala que o proceder dos servizos centrais de Costas denota que non coñecen nin entenden a realidade de Galicia e pide clarificar criterios e regularizar obras cun procedemento simplificado ou coa habilitación de títulos de ocupación transitoria

Santiago de Compostela.- 22 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, instou hoxe no Parlamento de Galicia a que a Dirección Xeral da Costa e o Mar, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, axilice os trámites e aplique sentido común para avanzar en actuacións estratéxicas de saneamento das rías galegas e evitar así a perda dos fondos europeos consignados para a súa execución.

Vázquez Mourelle explicou que para executar obras de saneamento estratéxicas nas rías, dado que normalmente se sitúan en dominio público marítimo terrestre, cómpre o visto e prace do organismo dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica. Neste sentido, a conselleira solicitoulle aos servizos centrais do ente estatal criterios claros e maior dilixencia na resposta á documentación que lle traslada a Xunta.

Lembrou, neste sentido, que os requisitos que impón o organismo estatal para a concesión de autorizacións demoran, e mesmo impiden, a execución de obras capitais desde o punto de vista socioeconómico e ambiental.

Ethel Vázquez insistiu en que o proceder dos servizos centrais de Costas denota que non coñecen nin entenden a realidade territorial de Galicia, nin tampouco a natureza das infraestruturas hidráulicas que impulsa a Xunta para avanzar no saneamento integral das rías galegas. “A rede de colectores hai que instalala onde están os vertidos, que están onde se atopa a xente”, principalmente na franxa atlántica galega, remarcou.
Ante isto, apelou á necesidade de clarificar criterios e poder regularizar as obras mediante un procedemento simplificado ou, se é necesario, cunha habilitación de títulos de ocupación transitorio.

Lamentou que a múltiple documentación adicional que solicita o ente estatal demora e adía a resolución dos problemas ambientais que se solucionarían coas obras de mellora do saneamento planificadas pola Xunta. Precisou que esas demoras por parte da Dirección Xeral da Costa e o Mar poden supoñer, ademais, a perda de fondos europeos consignados para o financiamento das actuacións.

Lembrou que aínda que o saneamento e a depuración son competencia directa dos Concellos, a Xunta asume estas intervencións para a mellora da calidade das augas no marco do apoio que está a prestar aos municipios en todo o relacionado coa prestación destes servizos da auga aos veciños.

Tamén recordou proxectos que, polos retrasos para acadar os pertinentes permisos e a falta de proporcionalidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica, permanecen bloqueados durante anos.

Neste sentido, referiuse ao emisario submarino da ría de Pontevedra e á nova depuradora de Foz, pero tamén ao saneamento de Celeiro ou á construción do novo emisario submarino de Viveiro, pois a Dirección Xeral da Costa e do Mar tardou 7 anos en darlle luz verde.

Remarcou que aínda máis preocupante é o acontecido coas actuacións proxectadas para mellorar o saneamento dos concellos de Vilanova de Arousa e de Cabanas. Augas de Galicia estivo enviando informes 22 meses e tardou case 2 anos en coñecer as condicións que esixía á Dirección Xeral da Costa e o Mar para facer as obras, exixindo finalmente requisitos que fan inviables as actuacións. Detallou como, no caso de Cabanas, a Dirección Xeral impón acometer un tanque de tormentas nunha rotonda, o que obrigaría a paralizar o tráfico cada vez que se fixera mantemento.

Puxo o acento en que as condicións requiridas pola Dirección Xeral da Costa e do Mar impiden sanear as rías nestes concellos e posiblemente supoñan tamén a perda de 7 M€ de fondos FEDER correspondentes a este período operativo, consignados para a súa execución.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/12/2021