A conselleira do Mar respondeu no Parlamento a unha pregunta relacionada coa proposta de eliminación xeneralizada de subsidios aos combustibles no sector marítimo-pesqueiro

A frota galega rexistraría perdas económicas coa posible eliminación das bonificacións aos combustibles na pesca

Así o reflicte un informe da Xunta sobre o posible impacto no sector pesqueiro das distintas propostas da Organización Mundial de Comercio e da Comisión Europea relacionadas coa fiscalidade dos combustibles, que foi trasladado a distintos departamentos da Comisión Europea.

Galicia busca que este traballo sexa tido en conta polas distintas institucións que participan nos debates e negociacións e que sexan conscientes do impacto que as súas decisións poden ter no sector pesqueiro galego

No eido xurídico incide na importancia do level playing field e no ambiental destaca a baixa pegada de carbono da actividade marítimo-pesqueira dentro da produción de alimentos

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou hoxe no Parlamento que a frota pesqueira rexistraría perdas económicas coa posible eliminación das bonificacións aos combustibles na pesca. Nesta liña expuxo que esta medida provocaría que a frota galega deixase de ser rendible tal e como reflicte un informe de Galicia que o Executivo galego trasladou á directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE), Charlina Vitcheva, e a representantes doutros departamentos da Comisión Europea.
Esta análise, á que se referiu a titular de Mar hoxe no Parlamento en resposta a unha pregunta relacionada con este tema, dá conta do posible impacto no sector pesqueiro das distintas propostas da Organización Mundial de Comercio (OMC) e da Comisión Europea para eliminar ou reducir as bonificacións aos combustibles da frota.
O obxectivo deste traballo, sinalou Rosa Quintana, é que estas aportacións de Galicia sexan tidas en conta polas distintas institucións que participan nos debates e negociacións e sexan conscientes do impacto que as súas decisións poden ter no sector pesqueiro galego. Deste xeito a comunidade galega busca contrarrestar esas propostas e mostrar o impacto que esas medidas fiscais poden ter no sector pesqueiro galego nos eidos xurídico, ambiental e económico.
Dentro deste último ámbito, que se corresponde cun estudo do Grupo de Investigación en Economía Pesqueira e dos Recursos Naturais da Universidade de Santiago de Compostela, o informe simula tres escenarios en función da menor ou maior suba da presión fiscal. En relación ao peor dos escenarios, destaca que incluso no segmento de frota que menor impacto rexistraría, que é o de artes menores, o beneficio anual, duns 15.700 euros, estaría por debaixo do salario medio bruto de Galicia, que é de preto de 22.200 euros.
No ámbito xurídico, expuxo a conselleira, o informe incide, entre outros aspectos, na importancia do level playing field e da coordinación deste tipo de normativas co fin de que non haxa solapamento entre as medidas da OMC e da UE ou doutras organizacións internacionais como a Organización Marítima Internacional (OMI). Esta análise foi realizada pola Fundación MarInnLeg.
En canto ao eido ambiental, o documento recolle un estudo do Biogroup da Universidade de Santiago de Compostela. Esta parte recolle que o peixe ten a mellor relación entre a proteína que aporta en función da súa pegada de carbono.
Estas análises foron trasladas pola Xunta, ademais de á directora da DG MARE, a representantes das direccións xerais de Fiscalidade e Unidade Aduaneira (DG Taxud), de Competencia (DG Competition) e ao director da Dirección Xeral de Comercio da Comisión Europea (DG Trade), Ignacio García Bercero. Tamén lle foi remitido ao representante da Unión Europea ante a Organización Mundial do Comercio e ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, engadiu a titular de Mar.

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 22/12/2021