A Xunta amplía o acendido de monumentos do Camiño como arranque do Xacobeo 22, no que Galicia aspira a celebrar un Ano Santo pleno

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, participou na iluminación do Pazo de Mos cos motivos do Xacobeo, acto simbólico co que se escenificou a posta en marcha, por segundo ano consecutivo, da campaña #AcendeOXacobeo

Entre hoxe e o 7 de xaneiro do 2022, 52 monumentos galegos iluminarán as súas fachadas nas diferentes rutas do Camiño de Santiago

A iniciativa completarase co acendido de máis edificios singulares noutras CCAA polas que atravesa o Camiño e tamén en cidades europeas

Alfonso Rueda amosouse convencido de que o 2022 non será só o Ano Santo de Galicia, senón tamén “o ano grande de Galicia”
 

Compartir
  • whatsapp

Mos (Pontevedra), 23 de decembro de 2021.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou en Mos no acto simbólico de acendido de monumentos co que se conmemora o arranque do Xacobeo 22, no que Galicia aspira a celebrar un Ano Santo pleno.
O Pazo de Mos foi o lugar elixido para a posta en marcha, por segundo ano consecutivo, da campaña #AcendeOXacobeo. Atendendo á boa receptividade que tivo o ano pasado, a iniciativa coa que se quere dar visibilidade ás rutas xacobeas arranca de novo para chegar a 52 monumentos das diferentes rutas e tramos do Camiño, incluído o seu destino na Catedral de Santiago.
Os logos do Xacobeo e a frecha amarela coa que os peregrinos se orientan na súa andaina cara Compostela iluminarán monumentos tan emblemáticos como o Faro de Fisterra, a Catedral de Mondoñedo ou a de Santa María de Tui, o Pazo de Fefiñáns ou a Casa de Lemos, ata completar a lista de 52 monumentos que este ano participan na campaña, que se estenderá desde hoxe ata o 7 de xaneiro do 2022.
A Xunta invitou tamén ás demais comunidades autónomas polas que atravesa o Camiño a sumarse á iniciativa -de feito, xa se confirmou o acendido de dez monumentos nos seus tramos máis significativos-, e cidades de todo o mundo como Londres, Dublín, Helsinki ou Filipinas participarán así mesmo na campaña.
#AcendeOXacobeo inclúe a segunda edición do concurso de fotografía no que os participantes publican as súas imaxes nas redes sociais con algún dos monumentos iluminados de fondo. O ano pasado, os autores dos mellores selfies foron premiados con estadías en establecementos hoteleiros galegos. O concurso contribuíu a promocionar o Xacobeo nas plataformas dixitais.
No acto en Mos, o vicepresidente primeiro amosouse convencido de que o 2022 non só será un Ano Santo para Galicia, senón que será tamén “o ano grande de Galicia”. Recordou que, durante a pandemia, o Goberno galego, o sector turístico e a sociedade, en xeral, traballaron para convencer aos turistas de que Galicia era un destino seguro. “Agora, cos deberes feitos, agardamos este ano recuperar o turismo internacional e tamén os macroconcertos e os grandes acontecementos culturais que son inherentes ao Xacobeo”.
Alfonso Rueda recordou que Galicia pechou un verán cunha recuperación do turismo por riba da media estatal e que a afluencia no Camiño superou as expectativas. Con estes antecedentes, “agardamos superar os cinco millóns de turistas no 2023”, indicou o vicepresidente primeiro.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/12/2021