A Xunta adxudica a redacción dun estudo de alternativas para a mellora do saneamento na parroquia de San Martiño de Lariño, no concello de Carnota

Os traballos, que suporán un investimento autonómico que supera os 17.500 euros, contan cun prazo de execución de 6 meses

Búscase atender as necesidades no saneamento das vivendas dos núcleos da Gándara e Lariño, cuxas augas residuais vértense directamente aos regatos Feales e Lariño, que desembocan na praia de Lariño

Realizarase unha valoración das opcións que resolvan ou melloren os problemas existentes con previsión de futuro e contemplando un mínimo de tres opcións

Avaliaranse as distintas alternativas formuladas, incluíndo non soamente o valor do investimento, senón tamén a dispoñibilidade de terreos, mantemento e funcionamento, incidencias ambientais, sociais, culturais e demais aspectos que correspondan
Definirase a alternativa elixida, incluíndo unha estimación xustificada do prazo de execución, así como os planos de planta das alternativas elixidas e os detalles da alternativa proposta
 

Santiago de Compostela, 25 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou a redacción dun estudo de alternativas para a mellora do saneamento na parroquia de San Martiño de Lariño, no concello de Carnota (A Coruña).

Este contrato, cun investimento autonómico que supera os 17.500 euros, foi adxudicado á empresa Aguilar del Moral Arquitectura e Ingenieria SLP . O prazo de execución para a redacción do proxecto é de 6 meses.

O contrato parte das necesidades actuais no saneamento das vivendas dos núcleos da Gándara e Lariño, na parroquia de San Martiño de Lariño. Esta vivendas dispoñen de redes de saneamento separativo conectadas a unha rede xeral unitaria que discorre polas marxes da estrada AC-550 e que recollen tamén as augas pluviais de escorrentía superficial da propia vía por medio de sumidoiros de borde, e que verten sen tratamento as súas augas directamente aos leitos dos regatos Feales e Lariño.

O Concello de Carnota conta cunha estación de depuración de augas residuais que recibe e trata as verteduras de augas residuais urbanas do 80% da poboación residente estable. Non así na parroquia de San Martiño de Lariño, cuxas augas residuais vértense directamente aos regatos mencionados que desembocan na praia de Lariño, cunha afluencia elevada de bañista no verán.

A capacidade de autodepuración de ambos regatos é moi insuficiente debido, por unha banda, ao escaso caudal circulante, e por outra, á proximidade da súa desembocadura.

Augas de Galicia ten redactado o proxecto construtivo da 1ª fase de saneamento en Lariño na que se inclúe unha nova rede de saneamento que recollerá as augas residuais dos núcleos da Gándara e Lariño, para conducilas cara á unha nova estación de bombeo e de aí á depuradora actual de Carnota mediante unha nova tubaxe de impulsión.

Deste xeito, mediante este contrato, organizarase en distintas fases, os traballos para o desenvolvemento do estudo de alternativas para a mellora do saneamento nesta parroquia de Carnota.

En primeiro lugar, realizarase unha valoración da situación actual, recompilando para elo todos os datos dispoñibles sobre as redes de saneamento existentes, os caudais e as demandas existentes e o funcionamento dos sistemas de depuración existentes. Nesta fase identificaranse os problemas existentes.

En segundo lugar, farase unha prognose da situación a futuro, co fin de que as alternativas que se analicen teñan en conta tanto a situación actual como escenarios futuros.

A partires desta situación o contratista formulará as distintas opcións que resolvan ou melloren os problemas existentes, tanto na situación actual como na futura. Nesta fase, contemplaranse un mínimo de tres opcións, incluída a alternativa de continuar coa situación actual.

En todo caso, as opcións de depuración que se formulen como resultado dos traballos, incluirán unha proposta de liña de tratamento axeitado ás características do efluente e do obxectivo de vertido que, haberá que solicitar ao organismo de conca. No caso de aproveitar instalacións de depuración xa existentes garantirase que a súa capacidade hidráulica e de tratamento é suficiente e, de ser necesario, deseñarase a ampliación que se considere precisa.

As opcións que contemplen novos trazados de redes de saneamento, definirán os trazados e as instalacións necesarias, tipo bombeo, cun grado de detalle suficiente, segundo os criterios establecidos pola dirección dos traballos.

A última fase consistirá nunha análise multicriterio das alternativas formuladas, na que se incluirá, entre outros documentos, a valoración e selección de alternativas, incluíndo aquí non soamente o valor do investimento, senón tamén a dispoñibilidade de terreos, mantemento e funcionamento, incidencias ambientais, sociais, culturais e demais aspectos que correspondan.

O contrato inclúe a obriga de presentar unha proposición e maior definición da alternativa elixida, incluíndo unha estimación xustificada do prazo de execución, así como os planos de planta das alternativas seleccionadas e os detalles da alternativa proposta.
 

Data de actualización: 25/12/2021